O Concello de Culleredo recibiu unha noticia moi esperada: o Consello da Xunta aprobou a cesión do tramo cullerdense da AC-211, unha petición do Concello para facerse cargo da vía urbana que asume maior carga diaria de vehículos para adaptala ás necesidades dos seus veciños.
Este trámite era o último requirido desde que hai meses que o Concello comunicase a súa proposta. O cambio de titularidade será efectivo unha vez se publique no Diario Oficial de Galicia.
En concreto, o tramo que será do Concello de Culleredo é o comprendido entre A Pasaxe e a ponte da ría do Burgo, é dicir, entre os límites do municipio coa Coruña e Cambre, respectivamente. Serán 2,6 quilómetros de lonxitude dunha vía que alberga localidades moi poboadas como Fonteculler, Acea de Ama ou O Burgo.
A cesión abarca tamén aos elementos funcionais da estrada. Entre eles atópase a antiga caseta dos peóns camineros, sita en Acea de Ama. A idea do Concello é preparala para que sirva de almacén para a brigada de obras e poder realizar con efectividade operacións de mantemento e sinalización.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, explica que o motivo que lle levou a asumir a AC-211 consiste en "promover unha conservación acorde ao carácter de avenida urbana que ten". O rexedor considera que o gasto de mantemento que levará será realmente un investimento ao poder levar a cabo actuacións de seguridade viaria ou traballos de conservación de modo directo, o que redundará en "un mellor servizo" para os veciños.
Unha das primeiras medidas que tomará o Concello ao ser titular da vía será a renovación do sistema de semáforos. O programa actual que ten a Xunta ofrece demasiados fallos con luces que deixan de funcionar cada pouco tempo e por iso o goberno local contratará un novo servizo que garanta o seu correcto funcionamento.
Outro dos cambios que se producirán refírense a medidas de sinalización ou regulación do tráfico, ao non depender da administración autonómica. En Fonteculler, por exemplo, os veciños demandan eliminar o cambio de sentido fronte á urbanización A Ría polos atascos que xera. A Policía Local considérao adecuado, así que será outra das primeiras actuacións.
A seguinte vía que espera o Concello recibir será a Nacional 550, co mesmo obxectivo.