O Concello de Culleredo licita dúas obras cun orzamento de 214.000 euros que veñen dar resposta a varias demandas veciñais en canto a servizos básicos como o saneamento e a rede de abastecemento. En concreto, destina 125.671 euros a renovar a rede de abastecemento nas rúas Rafael Dieste, rúa da Regueira, rúa das Catas, rúa Os Pereiros e Avenida de Alvedro.
O obxectivo é garantir este servizo básico adecuado ás necesidades existentes. Esta actuación responde as peticións dos veciños destas rúas para renovar a súa rede de abastecemento. As empresas interesadas en presentar as súas ofertan poderano facer durante os 26 días seguintes á publicación no BOP.
Doutra banda, licita tamén a instalación da rede de saneamento en Peiro de Abaixo (Tramo da estrada provincial de Ledoño a Celas) e Peiro de Arriba. O goberno local destaca a súa prioridade de mellorar, renovar e crear as infraestruturas necesarias para garantir os servizos básicos que reclaman os seus veciños e veciñas.
Neste sentido, instalaranse dous novos colectores tanto en Peiro de Abaixo como en Peiro de Arriba e 16 pozos de rexistro de formigón para instalar esta rede de saneamento. O custo desta actuación alcanza os 85.077 euros. Trátase, segundo o executivo local, de investir en garantir os servizos básicos, actuacións que seguirán sendo a súa prioridade tendo en conta sempre as demandas da cidadanía.
Ambas as actuacións están cofinanciadas polo Concello de Culleredo e a Deputación da Coruña ao estar incluídas no Plan de Obras e Servizos 2016.