As actuacións na rede de parques infantís serán as máis repetidas e cuantiosas no que queda de ano. O Concello de Culleredo, a través dos orzamentos municipais e de distintos plans de obras cofinanciados pola Deputación da Coruña, ten previsto investir nos parques infantís un total de 633.895,42 euros.
As actuacións continúan o amplo plan de mellora de parques levado a cabo desde o ano pasado polo goberno local. Comprobouse a idoneidade de priorizar a renovación destes espazos pola gran utilización que teñen por parte dos veciños, que manifestaron a súa conformidade con esta liña de obras.
Con este investimento, o Concello pretende mellorar 10 parques infantís. O equipo de goberno seleccionou catro situados no CEIP e cinco en rúas do municipio.
Os traballos a executar en cada un deles varían segundo a necesidade que presenta cada instalación. Na maioría prevese a dotación de pavimento flexible, noutros a ampliación de xogos, e un, o situado xunto á escola unitaria de Ledoño, se pretende cubrir para permitir que os alumnos dispoñan dunha instalación cuberta en caso de choiva.
O obxectivo do goberno municipal, apunta o alcalde, Julio Sacristán, é ter renovados todos os parques nesta lexislatura e dotar aos colexios dun patio cuberto. Neste sentido comezouse por Tarrío e continuarase co Sofía Casanova e a Ría do Burgo.