O Concello de Culleredo publica a licitación da obra para obter o segundo parque infantil cuberto do municipio. A iniciativa probada no parque da Corveira está a ser satisfactoria, ao permitir incrementar o uso da instalación infantil, e por iso o goberno municipal aposta agora por cubrir o de Ledoño, que ademais será modernizado.
A cuberta abarcará toda a extensión do parque, cunha superficie de 149 metros cadrados. Terá estrutura metálica con alicerces redondos e pórticos curvados, e o teito será de placa de policarbonato. Irá no seu conxunto pintado en varias cores, un deseño acorde coa súa utilización infantil.
O proxecto inclúe así mesmo a substitución do chan actual, de area, por un de caucho de tipo continuo. Este favorece a mobilidade e a seguridade. En canto aos xogos, prevese a instalación de dous novos xogos e a restauración dos restantes.
A actuación conta cun orzamento de licitación de 95.442,37 euros. Está incluída no Plan de Aforro e Investimento da Deputación da Coruña.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, explica que a elección deste parque para a instalación de cuberta responde a que dá servizo tanto aos veciños como á escola unitaria, situada a escasos metros, onde reciben clase pequenos da parroquia que aproveitan o parque no recreo. A cuberta propiciará o emprego dos xogos aínda en xornadas de choiva, algo frecuente durante o ano.
As obras de mellora na rede de parques infantís serán as máis repetidas e cuantiosas no que queda de ano. O Concello de Culleredo, a través dos orzamentos municipais e de distintos plans de obras cofinanciados pola Deputación da Coruña, ten previsto investir nos parques infantís un total de 633.895,42 euros.