A parroquia cullerdense de Veiga contará cun novo espazo público. A familia Díaz Patiño doou de forma totalmente gratuíta un terreo labradío de 1.246 metros cadrados de extensión ao Concello de Culleredo, co obxecto de que o dedique ao uso veciñal.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, deu conta na sesión plenaria celebrada onte da doazón da parcela.
A leira atópase en Veiga, xunto ao espazo onde se realiza anualmente a celebración da romaría de San Blas, o tradicional Luns de Entroido, que reúne a decenas de veciños da comarca. Este festexo, que foi recuperado en 1984 por un grupo de veciños en colaboración co Concello, inclúe a esperada lectura do testamento, unha serie de coplas satíricas que repasan a principal actualidade desde un punto de vista humorístico.
O gran número de persoas que participan na romaría facía recomendable contar con algún espazo de lecer nas proximidades. A parcela servirá tamén como estacionamento e como punto de encontro dos veciños, ao estar situada xunto á igrexa e cemiterio.
O plan do Concello pasa por urbanizar o terreo e dotalo de elementos de mobiliario urbano que animen á súa utilización.
Sacristán quixo agradecer, en nome do Concello, a xenerosidade da familia cedendo a súa parcela para uso público. "É unha iniciativa que redundará en beneficio de todos os veciños", afirma.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER