O Concello de Culleredo celebrou unha mesa de contratación cun elevado número de proxectos en tramitación. En concreto, o Concello avanzou na contratación de obras por un montante total de 937.748,07 euros.
Foron un total de oito actuacións as tratadas pola mesa de contratación. Delas, tres foron adxudicadas e agora procederase á firma do contrato para o inicio dos traballos: o acondicionamento do polideportivo de Vilaboa, a mellora da praza Castelao en Fonteculler e a pavimentación do núcleo do Vilacho, en Celas.
O polideportivo de Vilaboa está situado no CEIP Sofía Casanova, polo que serve tanto para o docencia como para acoller programas municipais e de asociacións. O proxecto consistirá na mellora de diversos elementos do polideportivo, como a cuberta e as instalacións de recollida de pluviais, para evitar filtracións de auga, e os vestiarios para mellorar as prestacións aos usuarios.
A praza Daniel Rodríguez Castelao experimentará un importante lavado de cara. Renovarase o parque infantil, colocando chan de caucho de tipo continuo, repararanse os bancos, bordos e os valos, colocaranse papeleiras, instalarase nova iluminación LED, e efectuarase unha limpeza con hidrolavadora a presión, entre outras cousas.
A pavimentación do Vilacho é unha demanda trasladada polos veciños ao equipo de goberno. Co paso do tempo e o uso o firme foise deteriorando polo que os traballos consistirán no asfaltado con rega de alcatrán da rede viaria do núcleo. Limparanse así mesmo as cunetas e efectuarase a posta a cota das tapas así como o pintado da sinalización horizontal.
Ademais, na mesa abríronse os sobres das ofertas económicas de tres actuacións, que quedarán adxudicadas esta semana: a mellora da iluminación no paseo marítimo e en Castelo, a reforma das naves municipais, e a renovación da rede de auga potable en varios puntos do municipio.
Finalmente, abríronse os sobres das ofertas da pavimentación entre Orro e A Zapateira, a mellora do firme en Voces Ceives e Ría dá Cova, e a instalación de cubertas e renovación do parque infantil de Ledoño.
As actuacións contan coa cofinanciación da Deputación da Coruña.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER