O Concello de Culleredo acaba de recibir os resultados das medicións que encargou pola súa conta para verificar que se cumpre o plan de illamento acústico de Aena con motivo da ampliación da pista do aeroporto de Alvedro. Estas últimas medicións foron realizadas no Burgo, na contorna da praza de Europa, para dar resposta á inquietude transmitida polos veciños e obter así maior seguridade.
As medicións encargadas polo Concello amosan que as de Aena eran correctas e que esta zona do núcleo está por baixo do nivel de ruído que marca a lei 37/2003. En concreto, devandito texto fixa como obxectivo de calidade acústica un nivel de 30dBA, quedando por baixo as medicións efectuadas.
Por exemplo, na rúa Largo Caballero, mediuse nun dormitorio que dá á fachada principal. O nivel global de ruído de inmisión achado é de 21, moi por baixo do mencionado na lexislación.
O Concello de Culleredo decidiu implicarse desde o inicio no plan de illamento acústico para poder defender ao máximo os intereses dos veciños, tanto asesorándoos para elaborar as solicitudes como con este tipo de actuacións. De obter un valor diferente ao de Aena, o Concello esixiría unha nova medición oficial.
Estas medicións independentes únense ás xa realizadas anteriormente na zona das rúas peonís Hersa e Sanjurjo de Carricarte, en Almeiras, Alvedro ou Tarrío. Todas as medidas confirmaron os mesmos valores que obtivo Aena.
Doutra banda, o Concello segue traballando en localizar aos particulares pendentes de tramitar a insonorización das súas vivendas. Aínda que existen casos nos que non se vai a solicitar a insonorización porque se cambiaron as xanelas recentemente, noutros os presidentes das comunidades non convocaron aínda as respectivas reunións. Noutros casos, aínda convocándoas, non se reuniron as firmas ou recollido a documentación dos propietarios ou inquilinos. E tamén existen casuísticas de presidentes que xa tiña cambiadas as xanelas e ninguén tomou a iniciativa para levar a cabo a tramitación con AENA.
O Concello de Culleredo lembra a todos estes particulares que non solicitaron a día de hoxe a insonorización para lembrarlles que poden solicitalo e que canto máis tarden, máis se demorarán as obras. Naqueles casos que haxa disensións na comunidade, o Concello actuará de mediador para apoiar aos veciños en acceder a este procedemento.