O Concello de Culleredo executará os 3,1 millóns de fondos europeos logrados para a súa estratexia de desenvolvemento urbano sustentable e integrado (EDUSI) coa participación das asociacións. O alcalde, Julio Sacristán, convocou para mañá venres a 62 entidades que xa formaron parte no seu día do proceso de participación para a redacción do proxecto que mereceu a axuda europea.
O rexedor dará conta no encontro do resultado da petición de fondos, os prazos previstos e a planificación para levar a cabo as actuacións. O equipo de goberno quere promover unha implicación das asociacións en todos os pasos da EDUSI para contar coas súas achegas no desenvolvemento dos proxectos incluídos.
Na reunión participarán representantes de asociacións de todos os ámbitos. Haberá asociacións de veciños, a ANPA, asociacións de comercio, clubs deportivos, e entidades sociosanitarias, culturais ou de mulleres, entre outras.
Sacristán agradece a colaboración ofrecida desde as asociacións que foi "fundamental" para conseguir que o Concello sexa un dos 12 beneficiarios en Galicia destas axudas. Agora anímalles a seguir involucrándose para contribuír a que o programa satisfaga as prioridades dos veciños do municipio de acordo co Concello.
A contía que logra o Concello de Culleredo é de 3.140.054,40 euros, a cargo do FEDER. Agora requirirase unha reprogramación das actuacións concretas de cada obxectivo.