O Concello de Culleredo comezará en breve cunha nova obra de mellora da súa rede viaria. Nesta ocasión, tratarase da renovación do firme en dúas vías de Vilaboa e unha de Orro que se foi deteriorando conforme o paso do tempo.
En Vilaboa a actuación abarcará as rúas Río da Cova e Voces Ceives, ambas as dúas situadas na zona sur do núcleo. Os traballos consistirán na pavimentación das vías, limpeza de cunetas e posta a cota das tapas de rexistro.
En Orro, o Concello procederá á mellora da estrada que enlaza a parroquia coa Zapateira. As obras incluirán o asfaltado da vía, instalación de rede de drenaxe e dotación de sinalización viaria e barreiras de defensa.
O Concello acaba de adxudicar os traballos por un total de 84.312 euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña a través do Plan de Aforro e Investimento (PAI). Deses, 49.912 euros corresponden ao proxecto en Vilaboa e 34.400 euros ao de Orro.
Ambas as actuacións teñen un prazo de execución, desde a data da firma do contrato, de seis semanas.
O goberno municipal programou estas actuacións de acordo ás necesidades en servizos básicos transmitidas polos veciños da zona.