O Concello de Culleredo acaba de presentar as súas alegacións no período de consultas da avaliación do impacto ambiental do proxecto de trazado eléctrico que promove Rede Eléctrica. O municipio de Culleredo vese afectado pola liña proxectada, aérea e coa instalación de torretas que en función do terreo poderían superar os 60 metros de altura cunha separación entre si de entre 5 e 12 metros.
O Concello de Culleredo rexeita todas as alternativas de trazado que ofrece o proxecto. En todos os casos a liña atravesaría o Monte Xalo, cuestión á que se opón rotundamente o goberno local.
O Xalo conta cun elevado valor paisaxístico, etnográfico e arqueolóxico e neles sustenta o Concello as súas alegacións, tal e como recolle o informe técnico remitido. O monte está incluído no catálogo de paisaxes de Galicia e forma parte do espazo protexido da Reserva de Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo funcionando como zona tampón. Isto é, desempeña na reserva unha función intrínseca de conservación da diversidade biolóxica e antropolóxica.
Como mostra desta biodiversidade da contorna, o Concello adxunta un informe redactado polo Grupo Naturalista Hábitat que define as especies de interese botánico que deben ser protexidas.
O informe municipal incide ademais en que nas zonas dos trazados propostos existen diferentes hábitats naturais, e en concreto algúns cualificados como prioritarios segundo a directiva europea 92/43/CEE: brezales húmidos atlánticos de zonas de templazas de Erica Ciliaris e Erica Tetralix.
Ademais, o Concello basea as súas alegacións no traballo que xa iniciou coas comunidades de montes do Xalo e de Castelo para desenvolver un proxecto de posta en valor da riqueza natural do espazo. A execución da vía verde, unha senda pola antiga vía do tren, tamén se vería gravemente afectada o trazado de Rede Eléctrica.
Por todo iso, o informe técnico é desfavorable ás catro posibilidades de trazado do proxecto. Como alternativa posible, o informe apunta a un trazado que non toque o hábitat do Xalo. Salvaría o Xalo discorrendo en parte polo termo da Laracha, volvendo a Culleredo ao atravesar a AC-523 cara ao monte Carboeiro, evitando tamén o coto de Bregua, até a ligazón coa autovía A-6 en Souto
Posteriormente a liña diríxese á zona da Zapateira. O Concello esixe na alegación, dado que non está suficientemente definido o inicio da liña subterránea, que está comece como mínimo 360 metros antes da última casa das Enchouzas.
Reunións con asociacións e veciños
Desde que recibiu a documentación do proxecto, o goberno local mantivo diversas reunións con veciños e asociacións de cara a defender en conxunto os intereses do municipio e confeccionar as alegacións. Os contactos realizáronse con veciños do Xalo, Boedo e Bregua, e a asociación en Man Común do Monte Xalo. Tamén se levaron a cabo reunións co Grupo Naturalista Hábitat e os técnicos da Reserva de Biosfera, dado valor natural do espazo.