A V Andaina pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero, unha iniciativa dos nove concellos do Consorcio As Mariñas entre os que se atopa Culleredo, terá lugar o sábado 26 de novembro, na contorna da ría do Burgo. O Concello anima a cidadanía a sumarse á marcha.
O punto de encontro será ás 10.30 horas no Centro Cultural A Fábrica de Santa Cristina (Oleiros). Desde alí, os asistentes bordearán a ría do Burgo, pasando polos concellos de Oleiros, Cambre e Culleredo. O final do percorrido está previsto para as 12.30 horas, alcanzando de novo, o punto de partida.
Un itinerario de 8 quilómetros que simbolizará o rexeitamento destes concellos cara á violencia de xénero. Como colofón final, ás 12.35 h. terá lugar o acto conmemorativo que terminará ao redor das 13:00 h.
Na última Andaina, o Consorcio congregou a máis de 300 asistentes que mostraron a súa oposición contra a violencia de xénero. Con todo, espérase que a marcha deste ano reúna a un maior número de persoas. Para iso, o Concello anima a todos os veciños a sumarse á loita contra os malos tratos. Como símbolo do seu compromiso, os participantes recibirán, como en marchas anteriores, unha camiseta identificativa coa lema da Andaina.
Aínda que a Andaina está organizada polo equipo de Servizos Sociais do Consorcio As Mariñas, o acto conta tamén coa colaboración dos concellos de Cambre, Culleredo e Oleiros.