O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, desprazouse a Santiago para manter unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, con obxecto de abordar importantes actuacións de futuro no municipio.
En primeiro lugar, o rexedor trasladou á conselleira o proxecto de renovación da rede de abastecemento de auga desde o futuro novo depósito que instalará Emalcsa en Alvedro con obxecto de asegurar o servizo na comarca. Esta actuación permitiría modernizar a rede que fornece ao Burgo, Vilaboa, e partes dos municipios de Oleiros, Cambre e Sada.
O investimento alcanzará os 1,3 millóns de euros e, dado ese carácter supramunicipal e a importancia da actuación para un servizo básico, Sacristán solicitou o financiamento da Xunta de Galicia. Mato comprometeuse a estudar detidamente a proposta e a tratar de incluír xa unha consignación nos orzamentos autonómicos de 2017.
Sacristán explica que a modernización da rede permite previr as avarías, xunto cun mantemento continuado, e asegurar un servizo sen apenas incidencias.
E en segundo lugar, o alcalde propuxo á titular de Medio Ambiente a cesión ao Concello dos terreos que conforman a senda do río Mero polo lado de Culleredo. Mato mostrou o seu acordo e a Xunta fará a tramitación oportuna para o traspaso.
A idea de Sacristán é a creación dun gran roteiro fluvial que parta do Burgo discorrendo en paralelo ao río Mero até A Telva. Alí continuaría polo río Valiñas até Alvedro onde enlazaría co rego da Regueira até Tarrío, uníndose ao parque recentemente creado coas obras de ampliación do aeroporto.
Para levar a cabo este proxecto o Concello de Culleredo destinará fondos da estratexia DUSI que mereceu a concesión de fondos europeos FEDER. Coa idea, explica o primeiro edil, aproveitarase este corredor fluvial para xerar unha nova ruta verd? e aumentar a mobilidade peonil entre a zona rural e a urbana.
Sacristán agradece a disposición mostrada pola conselleira para facer viables estes dous proxectos de calado para Culleredo.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER