O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, reuniuse a pasada semana en Madrid con responsables de ADIF para tratar dous asuntos importantes para o municipio relacionados con esta administración.
O primeiro deles consistía en negociar a cesión da vía antiga do ferrocarril entre Orro e Boedo coa finalidade de construír unha vía verde. O Concello quería aproveitar este trazado desmantelado tras a posta en marcha do AVE para crear unha senda peonil e ciclista.
Con todo, a resposta do Ministerio de Fomento foi negativa tendo en conta que entre os plans de ADIF figura a reposición da vía para o transporte do carbón do Porto a Meirama. Segundo explicaron, unha vez que se pase a operar con ancho europeo non poderían levar mercadorías pola vía de alta velocidade.
O alcalde lembra que esta é a mesma razón aducida hai 10 anos para denegar ao Concello a mesma petición de crear unha vía verde. O goberno local esperará con atención a decisión que se tomará no futuro dado o interese que ten en lograr a cesión se o trazado seguise sen uso.
Cubrimiento da vía no Burgo
O segundo asunto tratado por Sacristán con ADIF foi a posibilidade de cubrir a vía de tren no tramo do Burgo, desde a rúa Ferrocarril até o paseo marítimo, ao seu paso pola rúa Colina. Houbo total sintonía na obra pretendida polo Concello de Culleredo.
O primeiro edil fixo entrega a ADIF dun documento técnico inicial para que sobre el a administración poida indicar as súas esixencias técnicas que farían factible a obra. O Concello presentou esta posibilidade nos fondos FEDER, obtendo parte do financiamento para a mesma.
O proxecto suporía a eliminación dunha barreira que tradicionalmente veu dividindo á parroquia do Burgo. O alcalde aposta pola súa eliminación para construír sobre ela un bulevar que mellore notablemente as condicións de benestar.
Coa obra conseguiríase cubrir máis de 500 metros da vía ferroviaria e cambiar totalmente a imaxe desta zona do Burgo. O proxecto prevé así mesmo a dotación dunha rotonda para mellorar a mobilidade na zona.