O grupo de goberno socialista e o grupo de Marea Veciñal de Culleredo alcanzaron un acordo para desenvolver un traballo conxunto en favor do interese xeral dos veciños do municipio, incluíndo a aprobación dos orzamentos municipais para 2017, o plan POS financiado pola Deputación da Coruña, e as actuacións da estratexia DUSI dotada con fondos europeos. O acordo foi asinado nun acto celebrado no salón de plenos, coa presenza do alcalde, Julio Sacristán, o portavoz de Marea Veciñal, José Juan Santos, e o portavoz do PSOE, Diego Taibo.
O consenso alcanzado nace da coincidencia de ambas as dúas formacións de impulsar actuacións para o interese xeral do municipio. Os dous grupos son conscientes, manifestaron, da necesidade de chegar a acordos para lograr o mellor funcionamento posible do Concello, evitando a súa parálise administrativa, situación que prexudicaría aos veciños.
"Cando non hai maiorías é necesario negociar", apuntou Sacristán, que puxo de exemplo negativo a outros concellos onde non se alcanzan acordos e vese prexudicado o interese dos cidadáns. "É un bo acordo", resaltou, á vez que destacou que se toca "o máis necesario e urxente" para os veciños.
Pola súa banda, o portavoz de Marea Veciñal afirmou que "temos claro que as actuacións deben proceder das asociacións, sindicatos, etc" como é o caso do que propuxeron, que foi aceptado polo goberno local. "Agora obrigaremos o Concello a levalas a cabo", indicou. O acordo foi referendado previamente pola asemblea da formación.
Con carácter xeral, os dous grupos márcanse como obxectivos impulsar un pacto amplo con grupos políticos, empresas, sindicatos e entidades sociais para a promoción da economía local e a consecución dun pacto de emprego; promocionar o comercio e turismo local con estratexias dentro da área metropolitana e a Reserva de Biosfera; pór en marcha políticas de mocidade; apostar pola área metropolitana; e comprometerse ao funcionamento dos órganos de participación creados.
De cara aos orzamentos son varias as liñas acordadas. En primeiro lugar, a materialización do Plan de Emprego para o persoal municipal e o fomento da contratación de persoas con diversidade funcional en servizos municipais como a xardinaría ou a conserxería de edificios, entre outras.
En segundo lugar, en materia de servizos sociais, as dúas formacións manterán a estrutura e infraestrutura actual, e incrementarán a axuda a domicilio nos casos que sexan necesarios. Outra medida irá dirixida ás familias en risco de exclusión social: o Concello impedirá o corte de subministracións de luz, auga ou gas, con acordos coas empresas e asumindo gastos en situacións que o requiran.
E en terceiro lugar, o PSOE e Marea Veciñal acordan diferentes investimentos para incluír nos orzamentos. Serán os seguintes:
- Actuacións de eficiencia enerxética por supresión de luminarias de vapor de mercurio e mellora nos cadros eléctricos en rúa Condes de Andrade, o paseo Fernando II, a urbanización Augas Mansas, Monte das Arcas, A Xeca e Vigovidín.
- Proxectos de saneamento en Orro, Os Condes, Os Pereiros, Boedo, e Sésamo.
- Melloras viarias na avenida de Juan Carlos I, avenida de Cordeda, avenida de Ribados, rúas Vicente Risco, Condes de Andrade, Vixía, Jorge Guillén, Fraga, O Bosque, A Seara, As Barreiras, As Reixas, vía de Lamelas a Peiro de Arriba, de Vilaverde a Xian e acceso a Hermida de Ternande.
- Renovación dos parques infantís da igrexa de Vilaboa e de Orro, e cubrimiento dos parques infantís das Brañas, Tierno Galván e Sagrada Familia
- Instalación de parques biosaludables en Ledoño, Sésamo, As Brañas, Almeiras, no paseo Tierno Galván e no paseo marítimo.
- Mellora da seguridade viaria coa construción dunha rotonda en Fonteculler xunto ao colexio Ponte Pasaxe, construción de beirarrúas desde o acceso do CLT a Ledoño e de Regueiro a Castro con ampliación da ponte.
- Obras en infraestruturas deportivas: mellora da cuberta do polideportivo de Tarrío, acondicionamento da zona deportiva de Sésamo e remodelación de vestiarios no campo de fútbol do Portádego
En canto á estratexia europea, acordan as seguintes liñas de investimento, conxugando cos intereses manifestados polas asociacións:
- Posta en valor do monte Xalo e o seu patrimonio etnográfico e natural
- Instalación de puntos de acceso WIFI e desenvolvemento de aplicacións de administración electrónica
- Creación de senda peonil e carril bici xunto ao río Mero e ata Alvedro
- Construción de sendas peonís desde a rotonda de Ledoño á igrexa de Veiga e de Celas á Regueira
- Soterramento da vía do ferrocarril no Burgo
- Primeira fase da mellora de accesibilidade e seguridade desde O Regueiro a Castro
- Proxecto de descontaminación da parcela da antiga fábrica da Cros, anexa ás naves.
O PSOE e a Marea Veciñal crearán unha comisión de seguimento deste acordo.