Desde a apertura da pista ampliada do aeroporto de Alvedro, os traballos continuaron na contorna do aeródromo para efectuar diversas actuacións complementarias. O Concello de Culleredo mantivo nos anos que duraron as obras un contacto continuado con AENA e coa UTE encargada para tratar de garantir todas as melloras posibles para os veciños.
Nas últimas semanas, a empresa acometeu un dos proxectos pendentes, que afectou o regacho da Regueira, xunto ao campo da festa en Tarrío. O regacho serviu como punto de extracción de auga e necesitaba dunha actuación para acondicionalo.
Os traballos consistiron na canalización da canle con pedra, a preparación do campo ao redor e a limpeza xeral. Agora embeleceuse a zona, acorde co parque e senda fluvial creada.
Este proxecto únese ao xa executada no regacho de rexeneración da canle. O regacho acumulara restos de áridos procedentes das obras de ampliación da pista do aeroporto. Por iso, a propia Declaración de Impacto Ambiental (DIA) prevía a súa rexeneración unha vez finalizadas as obras.
E así a UTE acometeu un pequeno dragado do río e a limpeza da canle. Ao retirar os lodos, a canle é máis profunda e evítanse desbordamentos que podían ocorrer en épocas de choivas máis intensas. Os traballos de rexeneración comprenderon desde a contorna do cemiterio até pasado o campo da festa.