Desde o programa municipal de Sanidade e dentro da liña estratéxica de Promoción de Estilos de Vida Saudables, o Concello de Culleredo desenvolveu as pasadas dúas semanas unha iniciativa dirixida ao alumnado de 2º da ESO coa materia optativa de "Hábitos saudables" no instituto de educación secundaria Eduardo Blanco Amor. Foi denominada o "Desafío saudable" e buscou inculcar os valores necesarios para que leven a cabo estilos de vida saudable.
Coas actividades pretendeuse favorecer o desenvolvemento de capacidades como a creatividade, a motivación, o espírito crítico, a autoestima e a autonomía. Non se trataba só de que os alumnos soubesen, senón que tamén quixesen comportarse de forma saudable.
O "Desafío saudable" contou con tres sesións. Nunha primeira, levouse a cabo unha análise dos conceptos de hábitos saudables, alimentación e actividade física e os seus beneficios para a saúde. Nunha segunda, realizouse unha práctica de elaboración, presentación e degustación de 5 pratos que forman parte dun menú saudable. E a terceira foi unha clase práctica de como unha persoa pode manterse activa.
A metodoloxía empregada fomentou a participación do alumnado desde o primeiro momento no que se fixo unha análise entre todos da realidade na que se atopan os adolescentes con respecto aos hábitos saudables a partir da realización dunha enquisa.
A impartición deste taller correu a cargo da técnica municipal responsable do proxecto de fomento de estilos de vida saudable e contou coa colaboración de 5 persoas voluntarias do grupo de Voluntariado en saúde.