Un novo plan de investimentos froito do acordo entre o grupo de goberno e a Marea Veciñal de Culleredo está aprobado de forma inicial. O goberno local que preside Julio Sacristán elevou a proposta ao pleno municipal cun resultado positivo ao non producirse ningún voto en contra.
Este novo plan de 658.047,99 euros dará resposta a algunhas das necesidades dos veciños de Culleredo, e é que, tal e como sinalou Sacristán: "Practicamente todas estas obras son peticións dúas veciños e das asociacións de Culleredo".
Dentro da listaxe de proxectos, destaca a actuación que se acometerá en Castro de Vilaboa, onde se adquirirán terreos en Castro e na rúa O Regueiro co obxectivo de reservar fondos para un proxecto de mellora de accesibilidade entre estes dous puntos. Así mesmo, o novo plan permitirá a reparación do pavimento no paseo marítimo.
A renovación da rede de abastecemento na rúa Álvaro de Mendaña e na parte de Peiro de Abaixo é tamén outro dos proxectos, así como as novas redes de saneamento na rúa A Granxa e nun camiño público de Outeiriño. Por último, reservarase parte dos fondos para ampliar o parque da igrexa de Vilaboa, un dos máis frecuentados no núcleo, e renovarase o parque de Peiro.