A Nacional 550 xa é propiedade do Concello de Culleredo. O alcalde, Julio Sacristán, asinou a acta de recepción da vía co responsable da Demarcación de Estradas do Estado, Ángel del Río.
O traspaso da estrada estatal foi unha demanda do goberno local con obxecto de humanizala e convertela en avenida urbana, que é a súa condición actual especialmente en Vilaboa, A Corveira e O Portádego. O Ministerio de Fomento estivo de acordo xa hai anos, e condicionou a cesión á apertura do tramo completo da Terceira Rolda. Unha vez realizado, tivo que acometer distintos traballos de mellora como o asfaltado, a posta a cota dos sumidoiros ou a recente colocación de sinais, para entregala en condicións ao Concello.
Agora o Concello será o encargado do mantemento e conservación da estrada. Suporá un custo importante, pero o alcalde está convencido dos beneficios que suporá a cesión para os veciños, ao poder planificar actuacións de humanización ou seguridade viaria de forma directa, adaptadas aos intereses locais.
A cesión é de todo o treito da Nacional 550 ao seu paso por Culleredo, é dicir entre os puntos quilométricos 4.080 e 9.550, un total de 5,47 qm. É dicir, entre o límite con Cambre en Sigrás e o límite coa Coruña no Portádego. A cesión inclúe tanto a calzada como os terreos adxacentes expropiados no seu día ou os tramos do trazado antigo.
Formalizado o traspaso, o rexedor avanza a próxima contratación dun proxecto para a humanización da vía e a súa contorna, con incidencia especialmente na malla urbana que atravesa. Para iso poderá usar a estratexia DUSI, dotada de fondos europeos, que xa contemplaba esta idea.
"A obtención da Nacional 550 será unha oportunidade de desenvolvemento para a zona", apunta Sacristán. Esta humanización conterá traballos para priorizar ao peón sobre o coche e en definitiva incrementar a calidade de vida dos veciños de Vilaboa, A Corveira ou O Portádego.
Algunhas das accións que definirá o proxecto son a ampliación de beirarrúas e supresión de barreiras arquitectónicas, a separación das zonas de patones e de aparcadoiro, a creación de aparcadoiros disuasorios en coordinación cos puntos de transporte público, a dotación de zonas de mobiliario urbano, ou a colocación de elementos embelecedores, como xardineiras.
Co proxecto, o Concello tamén pretende impulsar un plan de desenvolvemento do comercio e hostalaría da zona.
En definitiva, a cesión da Nacional 550 era unha aspiración do equipo de goberno para promover unha conversión no centro desta malla urbana. Agora que é realidade poderase comezar o traballo, aproveitando a obtención dos fondos europeos.