O Concello de Culleredo xa mantén contactos con Autopistas del Atlántico para evitar os prexuízos polo ruído da AP-9 aos veciños da contorna. O vindeiro venres, 15 de setembro, o alcalde, Julio Sacristán, reunirase con responsables da entidade e co equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal de cara a demandar medidas que palíen a afección por ruído da infraestrutura.
A Consellería de Medio Ambiente, no seu informe do PXOM, xa pediu a revisión de varios ámbitos urbanizables e en solo urbano non consolidado pola afección de ruído. O alcalde instará a Autopistas que estude as posibles solucións, ben sexa a través de elementos como unha malla metálica ou calquera outra vía.
O goberno local quere seguir unha senda similar á seguida polo Estado co aeroporto de Alvedro. Nese caso articuláronse medidas para que os residentes visen minimizado o impacto polo ruído.
Sacristán considera que se co aeroporto minimizouse o ruído, coa autoestrada tense que conseguir o mesmo. Lembra que os veciños xa foron afectados pola expropiación para a construción da AP-9 e entende que se debe garantir "si ou si" que non teñan molestias polo ruído e que poidan desenvolver os seus terreos.
Xa o mes pasado veciños de Vilaboa trasladaran a José Ramón Rioboo a situación de ruídos que padecen. Entón o Concello xa iniciou os contactos coa entidade. Rioboo tamén aproveitou para expor outras cuestións como a cesión de espazos de Autopistas para xerar novos espazos de lecer para os veciños.