Os alcaldes de Culleredo, Julio Sacristán, e de Arteixo, Carlos Calvelo, acompañados de técnicos de ambos os Concellos, mantiveron unha reunión de traballo para abordar o procedemento de deslinde territorial entre os dous municipios. Trátase dun proceso que nunca se chegou a acometer e que se considera necesario para determinar con exactitude os límites.
Os rexedores acordaron o proceso, que buscará a implicación de veciños de Culleredo e Arteixo, ao ser unha "fonte inmellorable" do coñecemento dos límites tradicionais. O acordo consiste en que tanto Culleredo como Arteixo crearán unha Comisión de Deslinde, que será aprobada en próximos plenos municipais. Estarán compostas por técnicos e veciños da zona.
A zona que se delimitará comprende toda a liña limítrofe entre os dous termos: desde A Zapateira ata o comezo do municipio da Laracha.
Na reunión abordouse así mesmo unha coordinación entre os servizos de ambos os Concellos sobre o saneamento na Zapateira. Culleredo comprometeuse a abonar as augas residuais que se derivan á rede arteixá, do mesmo xeito que sucede, pero á inversa, con Cambre ou A Coruña. Pola súa banda, Arteixo comprometeuse a dotar á urbanización Montegolf de rede de recollida de pluviais para evitar a entrada de auga limpa no saneamento.
Ambos os dous Concellos mostraron a súa total disposición a cooperar de cara a afrontar en conxunto estas cuestións comúns.