O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, mantivo o venres unha reunión de traballo con Autopistas do Atlántico para abordar as afeccións por ruído que presenta a AP-9 no municipio. Foi acompañado do equipo redactor do Plan Xeral, dado que o informe de Medio Ambiente pedía á súa vez que se revisasen algúns ámbitos afectados polo ruído da infraestrutura.
O rexedor expuxo a necesidade de eliminar as molestias aos residentes, tanto a nivel de calidade de vida como de poder efectuar novos desenvolvementos. Os responsables de Autopistas confirmaron que cumpren cos niveis de ruído que marca a lexislación e aseguran que se verifica cada ano.
No entanto, dada a petición do Concello, revisarán de novo o mapa de ruído para garantir que está nas marxes permitidas.
Pola súa banda, Sacristán dirixirase ao Ministerio de Fomento, que é a administración competente, para trasladarlle a necesidade de adoptar medidas nos puntos onde se poida exceder, aínda que sexa puntualmente, o nivel de ruido.
Neste sentido, o alcalde propón que se aproveite o proxecto do Vial 18 para esas medidas en dúas zonas con quizais maior afección: Conduzo e Laxe. Ben sexa a través de apantallamentos ou outras vías, Sacristán ve oportuno que se minimice o impacto polo ruído na medida do posible.
Para o Concello, existe un precedente co aeroporto de Alvedro que se pode repetir, xa que se co aeroporto minimizouse o ruído, coa autoestrada tense que conseguir o mesmo.