Inauguración da Exposición da Escultora "Soledad Penalta"

EsculturaA Concellería de Cultura do Concello de Culleredo organiza o próximo venres 25 de xuño de 2010, ás 20.30 h, na Sala de Exposicións "Xosé Rey Lago" dos Muíños de Acea de Ama (O Burgo -Culleredo), o acto de inauguración dunha exposición de escultura da artista Soledad Penalta.

No transcurso do acto tomarán a palabra:

Celestino Poza Domínguez, concelleiro de Cultura.
Miguel Anxo Fernán Vello, poeta e editor.
Soledad Penalta, escultora.

A continuación actuará o Quinteto de Corda do Conservatorio de Música de Culleredo, formado por Nicolás Fraga, Andrea Mayor, Inés Bandín, Cristina García e Mateo Fernández, que ofrecerán un concerto.

A exposición permanecerá aberta ao público do 25 de xuño ao 22 de xullo de 2010 no seguinte horario:

Luns a venres: de 18.00 a 21.00 h.
Sábados: de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h.

É un pracer especial acoller na Sala de Exposicións dos Muíños de Acea de Ama esta exposición de escultura da artista Soledad Penalta, que aceptou xenerosamente a petición da Concellería de Cultura do Concello de Culleredo de poder amosar nesta Sala o seu último traballo, integramente realizado en Culleredo, a pesar dos seus múltiples compromisos profesionais.

Soledad Penalta, veciña do municipio de Culleredo dende hai uns anos, tense implicado activamente no labor cultural, social e solidario do Concello, colaborando desinteresadamente en cantas iniciativas é solicitada a súa contribución.

Pero esta non é a única razón de organizar a súa exposición, porque ao falar de Soledad Penalta estamos falando dunha das máis relevantes escultoras da historia da arte galega que, ademais, aborda no seu traballo un campo tecnicamente difícil como é a escultura en ferro ou en aceiro cortén, en moitas ocasións -no caso da obra pública- de grande formato; neste sentido, é unha das poucas escultoras a nivel mundial que se enfronta a este labor.

Quixemos tamén que nesta ocasión, continuando desta maneira coa colaboración iniciada hai uns meses, que no transcurso do acto o Quinteto de Corda do Conservatorio de Música de Culleredo ofrecese un pequeno concerto.

Agardamos, pois, poder celebrar con todos e todas esta fermosa xornada de convivencia das Artes, e de recoñecemento, por parte da Concellería de Cultura do Concello de Culleredo e de todas as persoas vinculadas ao mundo cultural no municipio e na comarca, do excepcional traballo artístico da nosa veciña e amiga Soledad.

Datos biográficos

Soledad Penalta Lorenzo naceu en Noia (A Coruña) en 1943. Tras comezar estudos de química e de filosofía e letras, ingresa na Escola de Artes Aplicada da Coruña titulándose na especialidade de Cerámica. Máis tarde amplía estudos en Barcelona co profesor Fernández Chiti, e na Escola "Bisbal" de Girona (1978-1979), data na que participa no seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos (Lugo). Outras modalidades da mesma parcela, como maiólica e gres, faráas en Altea (Alicante).

Becada pola Consellería de Industria da Xunta de Galicia, traballa en Faenza (Italia), con Emilio Galasi, e en Soutomaior (Pontevedra). En 1989 trasládase a EEUU e segue diversos cursos en Minnesota, na Universidade de Minneápolis, na técnica do aceiro cortén.

Comenza a expoñer en mostras colectivas na Coruña en 1978, e en Noia en 1981. A súa obra recibiu distincións en certames de Galicia, e está presente en museos e institucións como o Museo Bello Piñeiro de Ferrol, Caixanova, Museo Carlos Maside ou a Deputación da Coruña. Ten instaladas esculturas en espazos públicos en Baiona, Noia, Santiago, Muxía, Porto do Son e A Coruña.

Selección de exposicións colectivas:

"Katherine E. Nash Gallery" (Minneapolis, Minnesota, USA, 1995); Fondos artísticos de la Universidad de Málaga (Málaga, 1996); Galicia hoxe. Galicia Terra Única, Xunta de Galicia (A Coruña, 1997); Premio Isaac Díaz Pardo, Deputación da Coruña" (1999); Escultura galega contemporánea, a cerámica como punto de partida, (Deputación de Lugo, 2000); Galería "Sargadelos" (Ferrol, 2001); Artistas Gallegos Contemporáneos, Galería "Panaderas" (A Coruña, 2005); Feito en Culleredo (Sala "Rey Lago", Culleredo, 2008); Salón D´Outomne (París, 2008); Arte galega contemporánea, da Deputación da Coruña (Viana do Castelo, 2008); De nova materia, Caixanova (Vigo, 2008); Arte na Provincia..., da Deputación da Coruña (2009, Arteixo, Cambre, Oroso, As Pontes); Homenaxe a Curros Enríquez (A Coruña, 2008); Twenty One, Galería Pardo Bazán (A Coruña, 2009); Homenaxe a Rosalía de Castro (A Coruña, 2009); Salón D´Outomne Gran Palais París (2009, Sarria, Samos, Santiago e París); Mulleres x Mulleres, Casa de Cultura Salvador de Madariaga (A Coruña, 2010); Natureza haiku, Galería Atlántica (2010).

Últimas exposicións individuais:

Universidad de Málaga (1996); Galería "Pardo Bazán" (A Coruña, 1996); Hostal dos Reis Católicos (Santiago, 1996); Fundación "Caixa Galicia" (A Coruña, Santiago, Ourense, 1997); Universidade da Coruña (1998), Galería "Abel Lepina" (Vigo, 1998); Galería "Pardo Bazán" (A Coruña, 2000); "Casa da Parra" (Santiago, 2000); Galería "Citania" (Santiago, 2000); Galería "José Lorenzo" (Santiago, 2006); Sala "Francisco Creo" do Liceo de Noia (Noia, 2007); Galería "Pardo Bazán" (A Coruña, 2008).


 

Sede electrónica

Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...

 

Canle Culleredo

Emisións en directo e material audiovisual.

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Séguenos en Twitter

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina