Encontros culturais do outono 2010.Programación teatral. Homenaxe a roberto vidal bolaño

O vindeiro venres día 17 de decembro terá lugar a derradeira das funcións da nova tempada da programación de teatro "Roberto Vidal Bolaño" dedicado ás compañías profesionais incluída dentro dos Encontros Culturais do Outono da concellería de cultura de Culleredo coa representación ás 19:30 horas no Edificio de Servicios Múltiples de O Burgo do espectáculo " BICHARADA" de "BERROBAMBÁN TEATRO".

Con esta función remata, un ciclo dedicado ao teatro infantil e familiar coa participación das mellores compañías profesionais galegas que trouxo a Culleredo o mellor do teatro para os máis pequenos que se está a facer no noso país cun especial coidado pola posta en escena, o vestiario, e o traballo actoral. Foron máis de 700 persoas as que asistiron a estas representacións que rematará cun dos grandes éxitos do teatro infantil "Bicharada" a cargo dun dos grandes grupos de teatro galego, "Berrobambán Teatro" cun espectáculo no que hai que salientar unha coidada escenografía e espectaculares vestiarios.

BICHARADA:

Unha araña e unha formiga viven tranquilas na paz do seu recuncho. Até que un día aparece un animal misterioso... Un escaravello!

Desde a primeira luz o público -nenas e nenos, grandes e pequenos- entra no mundo de Bicharada descubrindo e gozando do fantástico traballo que conseguiu vertebrar o equipo. A escenografía, o vestiario, a iluminación... Todo vai encamiñado a entrar e sentir esta historia tan máxica como simple, tan sincera como divertida, tan imaxinaria como real.

"Bicharada" está dirixida por Evaristo Calvo e interpretada por Paula Carballeira, Chiqui Pereira e Anabell Gago

Berrobambán regresa ao territorio mudo, á linguaxe visual, ao humor sen palabras, e faino da man dun recoñecido e singular creador: Evaristo Calvo.

Evaristo Calvo

Director, autor teatral e actor de prolífica carreira. Funda xunto con  Víctor L. Mosqueira ‘Mofa e Befa', compañía coa que segue colleitando numerosos éxitos na actualidade.

A súa dirección e dramaturxia para "Qui pro Quo" de Ollomoltranvía foi recoñecida co Premio María Casares de Teatro que tamén acadara como actor con "Anxeliños".

Como autor e director  realizou dous espectáculos para a compañía Sapristi: "Hotel Run" e "So Sobre", que destacan na súa traxectoria pola súa singularidade e porque neles se amosa o peculiar mundo surrealista deste creador que desde os anos oitenta está, tanto detrás como diante, de moitos dos produtos audiovisuais do noso país.

Bicharada ten tamén unha completa guía didáctica na rede: http://bicharada.berrobamban.com inclúe xogos sobre os insectos, a música do espectáculo ou as múltiples culturas do mundo.

Bicharada na traxectoria de Berrobambán:

Se cada espectáculo dunha compañía é unha porta que se abre no momento único e irrepetible da representación, a novena porta de Berrobambán garda un mundo que nos sorprende e nos engancha desde que a luz ilumina o escenario.

Desde o ano 2000 oito espectáculos levaron a Berrobambán de Seúl a Canadá, do territorio mudo ao musical, do texto contemporáneo ao clown, do público adulto ao familiar. Para este último tipo de público, Berrobambán coordinou  "Circo-Lar" dentro da oferta cultural de "A Cultura Circula" e foi a encargada de organizar e coordinar a primeira programación estable de teatro familiar en Galicia: "Asteroide B-612". 

A compañía acometeu tamén a posta en escena do I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil: "Boas Noites" de Paula Carballeira.

Berrobambán caracterízase por querer ser unha compañía que non cesa de explorar e arriscar nas súas propostas, un proxecto artístico que se consolida como un dos máis estables e internacionais do panorama teatral galego.

Berrobambán é a compañía galega con maior traxectoria en teatro infantil de actores e actrices. Desde a súa profesionalización, presentou os seguintes espectáculos destinados ao público infantil: Diariamente, en cartel desde o ano 2000, estivo presente nas programacións infantís galegas máis prestixiosas. No ano 2002 participou no XIV ASSITEJ Festival & Congress, celebrado en Seúl, e en 2005 realizou unha exitosa xira con máis de 30 funcións por Canadá. 2001: Estrea o espectáculo musical Dous contos sen final e un final por fin. 2002: Estrea o concerto "Movementos para trasnos e trastes", no que participaron máis de quince músicos procedentes de diferentes países.

No ano 2006 o Centro Dramático Galego encarga a membros de Berrobambán a montaxe dirixida ao público infantil "A cabana de Babaiagá". Ademais, Berrobambán ten aberta unha liña de traballo orientada ao público adulto con obras como NdC, estreada no ano 2001 a partir de textos de Rodrigo García, ou o espectáculo de cabaret " Vendetta", estreado en 2004.

A compañía está comprometida coa promoción da cultura galega e con este obxectivo puxo en marcha a primeira programación estable de teatro familiar en Galicia, chamada "Asteroide B-612", que se desenvolveu nas cidades de Santiago de Compostela e Ferrol. Así mesmo, a compañía levou adiante "Circo-Lar" a programación familiar do proxecto "A cultura circula" no ano 2006.

En novembro de 2007 Berrobambán estrea "Boas Noites". A montaxe, baseada no texto co que Paula Carballeira gañou o I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, foi o primeiro texto de teatro infantil nomeado aos Premios María Casares de Teatro e agora tamén nomeado aos premios AELG que outorga a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

"Boas Noites" leva xa 40 funcións por toda a península, das que gozaron máis de 8.000  espectadores.

O Teatro-Sala de Concertos, Caixanova de Vigo, o Teatro Rosalía da Coruña, o Teatro Principal de Ourense, o Teatro Principal de Santiago de Compostela e o Salón Teatro desta mesma cidade son algúns dos escenarios galegos que "Boas Noites" percorreu con grande éxito.

Boas Noites foi seleccionada para a Feira Europea de Teatro para Nenos e Nenas 'FETÉN 08' e no mes de febreiro representouse no Teatro Jovellanos de Xixón. A raíz desta feira xa realizou funcións fóra de Galiza, en España e Portugal.  No país veciño estivo no Centro Cultural e de Congressos de Caldas da Rainhae recentemente no Novo Auditorio da ACERT, en Tondela.

En outubro de 2008 "Boas Noites" estivo na Feira Galega de Artes Escénicas. O espectáculo xirou tamén por Aragón no pasado mes de febreiro. O 14 de marzo do 2009 estreou o seu último espectáculo para todos os públicos, "BICHARADA" baixo a dirección de Evaristo Calvo, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. E en marzo do 2010 chegou "PRESSING CATCH", unha forte aposta dirixida ao público mozo e adulto, con dirección de Quico Cadaval e convivencia de varias linguaxes (multimedia, audiovisual, música en directo) sobre o escenario.

"Bicharada" está dirixida para público infantil e familiar e os prezos da entrada son 3,50 para adultos e 1,75 para nenos/as.

O Concelleiro de Cultura

Celestino Poza Domínguez

Sede electrónica

Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...

 

Canle Culleredo

Emisións en directo e material audiovisual.

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Séguenos en Twitter

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina