Culleredo sacará a concurso o mantemento do saneamento por 20 anos

O Concello de Culleredo contratará por 20 anos o mantemento preventivo e correctivo da rede de saneamento e bombeos do municipio. A Comisión Informativa aprobou os pregos que rexerán o contrato, que se sacarán a concurso nas próximas datas.

A concesión do servizo incluirá os 207 quilómetros de tubaxes coas que conta a rede de saneamento e rede de sumidoiros de Culleredo, así como os 6 bombeos de augas residuais, situados en Alvedro, Acea de Ama, Fonteculler, Tarrío, Orro, Cabana e Castelo. Estas instalacións requiren unha vixilancia e mantemento permanentes que aseguren o seu correcto funcionamento e conservación.

O obxectivo do Concello consiste en reducir ao máximo atasques e deterioracións na rede de sumidoiros e garantir o funcionamento dos bombeos. Desta forma poderanse evitar as verteduras á ría e aos ríos por motivo de fallos no sistema.

Outra das finalidades que persegue o goberno local que preside Julio Sacristán consiste en reducir as filtracións de auga dos ríos e da choiva ao saneamento. "Hai que evitar que chegue a auga limpa aos bombeos porque só supoñen un custo e unha carga innecesaria", apunta o alcalde.

Sacristán cualifica de "imprescindible" a concesión do servizo para "atender eficazmente ás avarías e necesidades que xurdan". O rexedor asegura que Culleredo disporá dun "sistema moderno" de mantemento, que ademais prestará servizo ás comunidades de veciños ante eventualidades que lle xurdan no seu sistema interior.

A concesionaria terá que ofrecer, entre outros, os seguintes servizos:
  • Atención ao usuario,  elaboración e mantemento do padrón de abonados, lectura de contadores e emisión e cobro dos recibos pola taxa de servizo de saneamento. A facturación será trimestral, emitindo unha factura personalizada a acada abonado que se enviará  ao seu domicilio
  • Limpeza periódica de pozos e retirada de lodos, sólidos e flotantes dos pozos de rede de sumidoiros
  • Mantemento preventivo e correctivo das instalacións
  • Conservación das instalacións
  • Labores de vixilancia para poder desenvolver con eficacia os servizos de explotación e mantemento
  • Análise das características e parámetros de funcionamento das instalacións, en particular das hidráulicas, os bombeos e electricidade, así como a optimización do seu rendemento.
  • Actuacións urxentes que sexan necesarias para o bo funcionamento das instalacións, ordenadas polos servizos técnicos municipais
  • Traballos de limpeza e conservación das instalacións

Dado que todas as instalacións teñen a necesidade de funcionamento continuado durante as 24 horas do día e os 365 días do ano, a empresa terá que axustarse a este horario para os servizos urxentes, a reparación de avarías, e os servizos de vixilancia.

A concesionaria abrirá unha oficina comercial, para a atención do usuario, nun lugar céntrico do Burgo ou de Acea de Ama. Estará aberta ao público de luns a venres en horario de mañá e tarde. Tamén habilitará un local para almacén, garaxe e taller no territorio cullerdense.

Para o servizo disporá dun camión especial, impulsor-succionador, para a limpeza da rede de saneamento dotado de dous depósitos independentes, un de auga limpa e outro para acumulación do succionador. Tamén contará cun equipo audiovisual para a inspección das redes, así como demais camións e vehículos lixeiros, equipos de seguridade e equipos de alta presión.

Sede electrónica

Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...

 

Canle Culleredo

Emisións en directo e material audiovisual.

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Séguenos en Twitter

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina