Culleredo e A Coruña suman forzas para desenvolver en conxunto obradoiros de emprego

Os Concellos da Coruña e Culleredo decidiron unir forzas para impulsar en conxunto obradoiros de emprego, iniciativas co obxectivo de apoiar a inserción laboral dos veciños e veciñas, á vez que levar a cabo actuacións de interese para o municipio. O acordo busca o financiamento da Consellería de Emprego, dentro da convocatoria aberta para estas iniciativas onde se priman as propostas presentadas por varios Concellos.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinaron hoxe os convenios para formalizar a petición conxunta dos obradoiros. O acto tivo lugar no Palacio de María Pita. En concreto son dous os obradoiros ideados entre os dous Concellos, un coordinado por Culleredo e outro pola Coruña. Entre os dous propiciaríase a contratación de 36 alumnos máis o profesorado. O investimento total sería de 802.000 euros.

O obradoiro coordinado polo Concello de Culleredo buscará a conversión da antiga casa dos peóns camiñeiros, situada en Fonteculler, en centro de interpretación do Camiño Inglés. Formaranse a 20 alumnos, 16 de Culleredo e 4 da Coruña, nas especialidades de Operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos en construción e en Instalación de elementos de carpintería.

O obxecto do proxecto será a rehabilitación do inmoble, cunha antigüidade de 90 anos, para expor unha parte como lugar para conservar a memoria das sendas e camiños tradicionais, en especial o de Santiago, poñéndoo en valor no territorio. Neste caso o orzamento é de 408.946 euros, dos que case un 85% solicítanse á administración autonómica sendo a contía restante achegada polo  Concello de Culleredo. A súa duración sería de 9 meses.

O obradoiro coordinado polo Concello da Coruña consistirá na creación dunha rede virtual de xacementos arqueolóxicos da cidade. En leste casou irá destinado a 16 mozos, 12 da Coruña e 4 de Culleredo, que deberán estar rexistrados no Sistema de Garantía Xuvenil.

As especialidades nas que se formarán serán as de Produción Fotográfica e Dinamización, programación e desenvolvemento de actividades culturais. O obradoiro terá unha duración de 12 meses, cun orzamento de 369.492,32 euros, dos que se solicita un 93% á Consellería, sendo a cantidade restante procedente do Concello da Coruña.

Este convenio, ao ser encomendada a súa xestión ao  concello herculino, foi sometido hoxe a votación en pleno extraordinario en Culleredo. Foi aprobado cos votos favorables do PSOE e PP, e as abstencións do BNG e Alternativa.

Rey e Rioboo concordaron no “interese indiscutible de cooperar entre A Coruña e Culleredo para emprender  proxectos que  favorezan a formación e inserción laboral entre a  cidadanía”. Ambos sinalaron á promoción do emprego como “ unha cuestión prioritaria” nun contexto como o actual, cos efectos da pandemia, e confían en obter o financiamento autonómico para desenvolver os  obradoiros ao axustarse aos obxectivos da iniciativa.

Sede electrónica

Información dos procedementos do catálogo municipal, descarga de solicitudes, rexistro telemático...

Acceda aos servizos

 

Canle Culleredo

Emisión en directo de plenos municipais e material audiovisual municipal.

Acceda a canle

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Séguenos en Twitter

Envíanos as tuas dúbidas

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina