O Concello de Culleredo fixo entrega hoxe dos premios aos gañadores do seu Entroido Choqueiro, o concurso telemático de disfraces organizado este ano ante o contexto sanitario. O acto tivo lugar no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo.
A concelleira de Cultura, Penélope López, foi a encargada da entrega dos premios. Creáronse dúas categorías: menores de 18 anos e adultos. Os gañadores de cada unha delas foron decididos polos votos emitidos polos propios usuarios e usuarias das redes sociais municipais.
Os premios foron 'tablets' para os primeiros de cada categoría. As persoas que quedaron en segundo e terceiro lugar levaron libros, no caso dos adultos, e material didáctico para a rapazada.
Na categoría de menores de dezaoito, os pequenos Antía e Mateo levaron o premio polo seu disfrace 'Mellis Mouse', caracterizados de Minnie e Mickey. A súa nai, Iria Castro, explica que os disfraces foron realizados a man.
En segundo lugar quedou 'Antón o cazador', presentada por Rubén Boedo, e o 'Pequespartano', de Jéssica García.
Na categoría de adultos venceu Lorena Regueira coa súa familia caracterizada de 'Carrapuchiña vermella confinada na casa'. A premiada conta que todos os disfraces foron elaborados con distintas pezas dispoñibles por casa, seguindo o espírito choqueiro.
En segundo lugar quedou a 'Enfermeira chiflada', de Silvia Torrejón e en terceiro lugar 'Fama, bailando con Pipo', de Rocío Moares.
A concelleira agradeceu a participación e o entusiasmo de todas as persoas participantes. "Quixemos manter viva unha tradición con moito arraigo en Culleredo", sinalou.
Información dos procedementos do catálogo municipal, descarga de solicitudes, rexistro telemático...
Emisión en directo de plenos municipais e material audiovisual municipal.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER