A primeira excavación foi realizada en 1935 por varios membros da Sociedade coruñesa "Amantes do Campo", entre os que estaban Francisco Vales Villamarín, Inocencio Pardo Aburto, Enrique Monteagudo García, Manuel Insua,... Esta necrópole foi estudada por Luís Monteagudo García, que a localiza ao longo dunha meseta de dous quilómetros e medio, limitada ao norte polo arroio de Rutis e ao sur polo de Trabe, e cunha altitude media de 220 m. Disponse ao longo dun camiño de carro que comunicaba a parroquia de Rutis e Uxes.
A necrópole áchase na confluencia dos concellos de Culleredo, A Coruña e Arteixo. Gran número de mámoas localízanse nos límites municipais e son utilizadas con marcos para a delimitación dos mesmos, noutras ocasións trasladáronse para sinalar límites de leiras e propiedades privadas.
O total de mámoas localizadas foi de trinta e tres, delas dezanove no término municipal de Culleredo. Monteagudo dividiu a necrópole en seis sectores:
A- Fonte de Ouro.
B- Leira de Cachafeiro.
C- Montes da Zapateira e Monte da Arca. Contorna do Trabe.
D- Monte de Cambás.
E- Monte Aberto.
F- Monte de Orro.
A totalidade dos túmulos foran expoliados facía séculos para extraer as lousas que eran reutilizadas en novas construcións, por iso desapareceron a maioría das lousas e tampouco foron achados enxovais. En xeral son de pequenas dimensións, con diámetros que van desde os 10 m. A mámoa máis grande áchase no concello da Coruña, no Monte da Arca en terreos do Club de Golf, no plano figura co nº 28; foi sometida a unha escavación de urxencia no ano 1976, pois ía ser achanzada por esixencias do campo de golf.
Sobre a cronoloxía desta necrópole Monteagudo conxectura a súa pertenza á etapa final do megalitismo por tratarse de pequenas mámoas ou cistas; pero carecemos de datos suficientes para aseguralo, pois non se acharon obxectos que axuden a determinalo con exactitude.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER