En Culleredo existen numerosos pazos, casas solariegas e quintas de recreo, espalladas por todo o concello. As súas tipoloxías responden a períodos históricos diferentes; así, o exemplo máis antigo o temos na Torre de Celas, e os máis recentes nas quintas e vilas construídas a principios de século XX en áreas próximas á Coruña, como Alvedro e Vilaboa.
O concepto de pazo abarca todo aquel edificio levantado no ámbito rural, para residencia temporal ou fixa de familias nobres, de proporcións que superan notoriamente ao resto das vivendas do lugar e que presentan trazos suntuarios que as diferencian das casas campesiñas.
O pazo é o símbolo da sociedade estamental do antigo réxime; a partir do século XVI comézanse a construír mansións encostadas ás antigas fortalezas (como é o caso do antigo Pazo de Celas), á vez que se levantan residencias de nova planta. Representan un novo modo de vida no campo, estes edificios exaltaban a grandeza da liñaxe familiar, e a súa función era o control do señorío xurisdicional, base económica dos pazos, que dependía das rendas, recadación de impostos, produción agrícola, actividades mercantiles, peaxes, ...
Os séculos XVII e XVIII supoñen un cambio na nobreza galega e consecuentemente na funcionalidade dos pazos. Asistimos ao florecemento das cidades e moitos nobres séntense polo ambiente cosmopolita, abandonando as súas mansións no campo para adquirir vivendas máis cómodas nos núcleos urbanos. Normalmente non abandonan totalmente a casa familiar, habitando nela durante a época estival e mantendo o control sobre as súas posesións. Os nobres xa non dependen exclusivamente do seu patrimonio no campo, intégranse en profesións liberais, a administración do estado ou realizan actividades mercantíes. Debemos achacar ás clases poderosas galegas a falta de dinamismo na canalización da súa riqueza cara a investimentos que impulsasen o desenvolvemento da economía galega.
Outro tipo de vivendas son as popularmente denominanadas "casas grandes". Son granxas de campesiños que, sen xurdir dunha familia nobre, acadarán unha certa posición social a base de axuntar propiedades dos seus antepasados e adquirir novos terreos, pero sempre ligados a unha economía baseada nos labores agrícolas.
Os últimos anos do século XVIII e de forma decisiva o século XIX, marcará o ocaso dos pazos, a agricultura perde rendibilidade e a nobreza se aburguesa. Aínda que os pazos como arquitectura perviven, como institución desaparecen ao perder o poder económico e social que os creara. Este fenómeno acentúase e moitos dos nobres vense obrigados a vender as súas propiedades para manter o seu nivel de vida nas cidades, outros conservarán só a casa solariega, como símbolo dun esplendor pasado.
Nos séculos XIX e XX a burguesía substituirá á nobreza, pero esta nova clase social creará os seus propios modelos constructivos: son as casa de verán, quintas e vilas que, aínda que non posúan grandes terreos na súa contorna son máis acordes aos gustos e comodidades modernas.
Os pazos presentan unhas características arquitectónicas comúns como son a utilización de materiais nobres na construción: o granito, madeira de castiñeiro, carballo ou foráneas ... Adoitan contar cun recinto amurallado que percorre a totalidade da finca onde se sitúan os diferentes edificios que compoñen o pazo: capela, nos casos de pazos máis ricos; adegas; cabaleirizas e cuadras; vivenda para guardeses; hórreo, pombal, pozo, fontes e xardíns.
O edificio central loce sempre na súa fachada o escudo, e en ocasións os das diferentes pólas da familia. Adoitoa contar cunha portada solemne, con escalinata monumental de pedra, un balcón voado, porches ou galerías. O edificio consta normalmente de dúas plantas e "faiado" ou desván; a planta baixa destínase ás dependencias comúns como comedor e cociña, e pode acoller tamén as habitacións dos criados; na segunda planta atópanse os dormitorios e salóns; o desván realiza as funcións de trasteiro e de secadoiro. Algúns elementos ornamentais característicos dos pazos son os reloxos de sol, balaustradas de pedra, esculturas diversas, saedizos, patín, reixerías, grandes chemineas, ...
Culleredo era un lugar privilexiado de veraneo a principios do século XX; así describía Vilaboa o historiador Ángel del Castillo:
"..., val delicioso e encantador que fertiliza o regato Muíño e que limita polo seu O e S coas alturas cultivadas e cheas de arbolado nas súas saias. A fermosura deste lugar, a súa abundancia e as súas sombras fixeron del unha estación estival, sendo numerosas e cómodas e elegantes as casas e quintas de recreo con que conta."
Destacaremos algúns dos pazos de Culleredo:
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER