O vindeiro venres día 19 de novembro terá lugar a segunda das funcións da nova tempada da programación de teatro "Roberto Vidal Bolaño" dedicado ás compañías profesionais incluída dentro dos Encontros Culturais do Outono da concellería de cultura de Culleredo coa representación ás 19:30 horas no Edificio de Servicios Múltiples de O Burgo do espectáculo " KONRAD (ou o neno que saíu dunha lata de conservas)" de SARABELA TEATRO.
Con esta función comeza, así mesmo, un ciclo dedicado ao teatro infantil e familiar coa participación das mellores compañías profesionais galegas que traerá a Culleredo o mellor do teatro para os máis pequenos que se está a facer no noso país cun especial coidado pola posta en escena, o vestiario, e o traballo actoral. Así despois da actuación de Sarabela Teatro o vindeiro venres 19 de novembro, estará o día 3 de decembro Artestudio Teatro con "Contos no ar", o día 10 de Nadal, Caramuxo Teatro representará o éxito editorial do debuxante Pepe Carreiro levado ao teatro "Os Bolechas".
Rematará este ciclo de teatro infantil cun dos grandes éxitos do teatro infantil "Bicharada" cun dos grandes grupos de teatro galego, "Berrobambán Teatro" cun espectáculo no que hai que salientar unha coidada escenografía e espectaculares vestiarios.
"KONRAD" de SARABELA TEATRO
"Konrad ou o neno que saíu dunha lata de conservas" é unha obra orixinal de Christine Nöstlinger dirixida por Ánxeles Cuña Novás e interpretada por Elena Seijo, Fernando Dacosta, Tito R. Asorey, Nate Borrajo e Sabela Gago.
En "Konrad" a señora Bartolotti, que carece de experiencia cos nenos, recibe un día pola vía máis inusitada -por correo- un fillo de sete anos: Konrad, o neno que saíu dunha lata de conservas. Con moita inspiración e humor, cóntanse nesta obra as emocionantes e divertidas situacións, nas que se ve envolta a señora Bartolotti pola presenza de Konrad, e cómo o defende, cando se descobre que houbo unha equivocación na entrega a domicilio do neno.
Recoñecida como unha das Compañías máis consolidadas de Galicia, Sarabela Teatro leva 29 anos de traballo incesante nos que o compromiso coa realidade maniféstase en cada un dos seus espectáculos.
Os dous últimos espectáculos: "A Esmorga" e "Cósima" veñen de protagonizar fitos importantes; "A Esmorga" fíxose merecedora de cinco premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo, e está nominada como mellor espectáculo revelación na vindeira edición dos Premios Max. Tamén Ánxeles Cuña Bóveda está nominada nos Max 2010 como mellor autora dramática en galego por "Dáme Veleno".
Os máis recentes recoñecementos veñen a sumarse aos 6 Premios Compostela; 35 María Casares; 5 Fetén; 1 Celestina, da nosa galería de premios. Sarabela foi, ademais, finalista en 2 ocasións nos premios Max e en Teatralia. Recibiu 2 premios de Honra: Xiria, e Abrente. E obtivo o premio do espectador no FIOT de Carballo.
Ionesco, Kundera, Mishima, S. Belbel, M. Rivas, Calderón, Lorca ou Blanco Amor , entre outros, deixaron pegadas inesquecibles nunha prolífica travesía que foi derivando cara á produción de textos de autoría propia con títulos como "Tics", "Margar no pazo do tempo" ou "Dáme Veleno".
Con "A Esmorga" traxedia contemporánea e universal, recréase (trece anos despois daquela primeira viaxe polas rúas de Auria) o texto de Blanco Amor coincidindo co cincuenta aniversario da súa publicación. "A Esmorga" acadou na pasada edición dos premios María Casares, cinco galardóns: mellor espectáculo, mellor texto adaptado, mellor escenografía, mellor iluminación e mellor actor secundario.
Cósima, protagonizou unha xira dentro da Comunidade de Madrid dentro da programación de Teatralia e ven de participar na pasada edición do Fetén.
Está dirixido para público infantil e os prezos da entrada son 3,50 para adultos e 1,75 para nenos/as.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER