Os vindeiros días 28, 29 e 30 de decembro no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, organizado pola concellería de cultura do concello de Culleredo , terán lugar unha serie de actividades dirixidas ao público infantil e familiar encadradas dentro do programa OCIO INFANTIL NADAL 2010 e que consistirán nas actuacións do MAGO CRHISTYAN O DÍA 28, o MAGO DANI o día 29 e a proxección cinematográfica " MI MONSTRUO Y YO" o día 30. Todas estas actividades serán a partir das 17,30 horas e a entrada será gratuíta.
Estas actividades serán o prólogo de CULLEREDOLANDIA, o grande parque de ocio de Nadal, que se celebrará, como ven sendo tradicional, os días 2, 3 e 4 de xaneiro do 2011 no Pavillón Polideportivo de Vilaboa e que cumpre 17 anos de ensoño e xogo e que nesta edición volve cunha chea de actividades lúdicas con inchables e obradoiros diversos.
A primeira das actividades deste OCIO NADAL INFANTIL 2010 será o día 28 DE DECEMBRO ás 17,30 horas no Edificio de Servizos Múltiples coa actuación do MAGO CHRYSTYAN MAGIC e o seu espectáculo ATRAPADO NA TORRE . Espectáculo incluido dentro do programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Everest.
"Atrapado na Torre" é un espectáculo onde a maxia nos achega aos contos e á lectura en galego fóra da escola. Esta actividade, baseada no libro "Atrapado na Torre", está dirixida a toda a familia e aconsellada para nenos e nenas a partir dos 8 anos de idade.
Esta actividade inclúe libros e marca páxinas para agasallar ao público.A entrada é de balde.
"Atrapado na Torre" é un espectáculo de dinamización da lingua creado a través da imaxinación, creatividade e baseado na maxia que se pode desprender da lectura. Mediante a sucesión de xogos de maxia, Chrystyan tentará descubrirlles aos nenos/as a ilusión, a fantasía e a maxia agochada nos libros e nos contos, con historias máxicas baseadas precisamente no libro "Chrystyan Magic, atrapado na Torre" e mediante os nosos propios contos, que poderemos crear grazas á participación dos nenos/as. Un espectáculo que ten como obxectivo espertar o torrente imaxinativo dos rapaces, descubrir o pracer da lectura e presentar a maxia como un atractivo e novo xeito de animación á lectura.
O mago Chrystyan Magic comeza como animador turístico, presentador e showman, realizando multitude de proxectos de animación, de teatro e de espectáculos por toda Galicia. No ano 2000 estrea o seu primeiro número de maxia en público no programa da TVG "Tardes con Ana", presentado por Ana Kiro.
Partindo da base da animación e do recoñecemento co que conta como mago, xorde a idea de crear algo novo, un estilo diferente, un espectáculo particular con identidade propia cuxa versatilidade dese a oportunidade de adaptalo a calquera tipo de público ou de evento, unha nova forma de entretemento que se convertese nunha maneira exclusiva de celebrar calquera acontecemento.
Así xorde "Chrystyan Magic" como marca, un proxecto feito realidade con toda a ilusión do mundo, repartindo soños, sorrisos e diversión a nenos e a adultos por todos os escenarios da nosa Comunidade (Coliseum e Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Teatro Principal de Santiago de Compostela...). O grande éxito obtido levouno mesmo a actuar máis alá das nosas fronteiras e a crear novos espectáculos de maxia. Na actualidade mantén máis de seis espectáculos diferentes en cartel e actúa para un gran número de concellos, empresas, centros escolares, hoteis...
O día 29 de decembro o turno será para o MAGO DANI GARCÍA no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo a partir das 17,30 horas e con entrada de balde.
Dani García tráenos un espectáculo de mediano formato. A orixinalidade , a comedia e o drama, se xuntan coa maxia, para facer pasar a toda a familia un tempo dos que non se esquecen. Efectos de maxia nos que participa o público, efectos con alimentos e mesmo co propio corpo do mago, que rouban un sorriso ao espectador e demostran que todo é posible no mundo da ilusión.
DANI GARCÍA é un dos magos galegos máis novos pero que conta cun extenso curriculum :
2004- Participación no XXVI Congreso Magico Nacional en Zaragoza. 2004-2009 Formación na Escola de Teatro de Narón. 2003-2009 Cursos de maxia e conferencias a cargo de Bodie Blake, Henry Evans, Brando y Silvana, Xavier Tapias, Malacatín, Agustín Leal, Richard Sanders, Manuel Muerte, Michael Ammar, Gabi, Joaquin Matas, Juán Tamariz, Roberto Giobbi. 2007- Participación no XXVIII Congreso Mágico Nacional en Barcelona. 2008 Curso monográfico de Cabaret con Adolfo Simón. Traballos realizados. 2000-2003- Diversas Montaxes co grupo de teatro "Teatro Pellasdo" dirixidas por Luis G Ramos e Juan Carlos Mosquera "Mos". 2004- "O Caso do Cadáver Asasinado" dirixida por Luis G Ramos. 2007-2008- "Desde entón cantan as ras" de Candido Pazó e dirección de Flor Maceiras. 2008- "Symbiosis" de Dani García e Marttyn Andersen. 2008- Asesor máxico de "O ridiculo desamor dun home mais ou menos normal" de "40 pasos", escrita e dirixida por Jose Luis Prieto Roca. 2008- "Acción",traballo persoal. 2009- "Da'kara" de Dani García e dirección de Flor Maceiras
Xa o día 30 de decembro será o turno para o cinema en pantalla grande, coa proxección da película "MI MONSTRUO Y YO" no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo a partir das 17,30 horas e con entrada de balde.
Sinopse:
Baseada na novela de Dick King-Smith.
"Mi monstruo y yo" é a historia de Angus MacMorrow (Alex Etel), un mozo escocés que anhela o regreso do seu pai da guerra. A historia comeza cando Angus leva a casa un misterioso obxecto encantado que atopa na praia. Pronto se dá conta de que se trata dun ovo máxico, e vese a si mesmo criando a unha criatura sorprendente: o mítico "monstro do lago" das lendas escocesas. En compañía do seu novo amigo, a quen chama Crusoe, Angus emprende unha viaxe de descubrimentos, debendo protexer un segredo que dará vida a unha lenda.
Ano: 2008
Xénero: Acción
Duración: 116 Minutos
Todos os públicos.
Para máis información ver o arquivo que se achega.
Vista previa | Adxunto | Tamaño |
---|---|---|
Nadal 2010 | 90.85 KB |
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER