A Concellería de Cultura do Concello de Culleredo organiza o próximo mércores 27 de xullo de 2011, ás 20.30 h, na Sala de Exposicións “Xosé Rey Lago” dos Muíños de Acea de Ama (O Burgo-Culleredo), o acto de inauguración dunha exposición de pintura do artista Ricardo de Arce.
A exposición permancerá aberta ao público do 27 de xullo ao 31 de agosto de 2011, no seguinte horario:
Luns a venres: de 18.00 a 21.00 h.
Sábados: de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 21.00 h.
Continuando coa programación da Sala de Exposicións dos Muíños de Acea de Ama, nesta ocasión teremos o pracer de poder contemplar unha delicada exposición de acuarelas do artista Ricardo de Arce, presidente da Asociación Española de Acuarelistas (AEDA) e que ten participado nalgunhas edicións dos Encontros de Pintura e Poesía de Culleredo. Quedan convidados/as a acompañarnos no acto de inauguración.
Datos biográficos
Ricardo de Arce y Bilbao (Madrid, 1942), ingresa en 1961 na Academia General del Aire para cursar a carreira militar. Contabiliza 5.000 horas de voo como piloto de caza e ataque e de avións convencionais militares. Foi tamén profesor de voo e outras disciplinas militares, aeronáuticas e humanísticas na Ensinanza Superior Militar. Xubilouse como coronel do Exército do Aire. É Psicólogo pola Universidade Pontificia de Salamanca e Diplomado Superior en Psicoloxía Militar, desenvolvendo esta actividade no seu Exército e representando ao mesmo ante organismos da OTAN. Diplomado de Estado Maior do Aire e de Estados Maiores Conxuntos, ocupou postos relevantes ministeriais, entre os que destacan a titularidade dunha Subdirección Xeral no Ministerio de Defensa e outra no Ministerio de Interior.
Seguiu cursos na Escola de Belas Artes de San Eloy e en Artes e Oficios en Salamanca. A principios da década dos setenta iníciase no emprego da técnica da acuarela, que lle resulta moi acorde coa súa personalidade artística, e encontra nela un procedemento que lle permite expresar con espontaneidade ambientes, luces, cores e situacións fugaces, que lle transmiten determinadas emocións como froito do seu amor á natureza. Nos anos oitenta a súa profesión militar o instala en Madrid e, aínda que mantén a súa obra en depósito en distintas galerías, interrompe as súas exposicións individuais debido ás limitacións que lle impoñen os seus cargos e destinos, aínda que non deixa de pintar e de dar a coñecer a súa obra en círculos restrinxidos. Nos últimos anos pode incrementar a súa adicación a esta manifestación artística sendo apreciable a súa evolución debida a unha maior madurez e coñecemento da técnica, para o que lle foi moi útil o seu contacto coa “Agrupación Española de Acuarelistas” (AEDA), da que na actualidade é Presidente, ocupándose de desenvolver as actividades da mesma, como organizar e dirixir Simposium, encontros, exposicións, certames e concursos; manter contactos, relacións e participación con outras Asociacións nacionais e estranxeiras; promover actividades culturais para socios e dirixir os temas didácticos, clases e cursos da Agrupación, entre outras ocupacións. Tamén dá clases de acuarela aos asociados.
Está especialmente vencellado á Asociación de Pintores de La Alberca (Salamanca) a raíz de participar nos “Encuentros Internacionales de Pintores” que alí se celebran, e onde periodicamente imparte cursos de acuarela dende hai sete anos. Tamén ten moita relación co grupo de pintores e poetas galegos que nace do espírito creado no “I Encontro coa Pintura” no Pazo de Mariñán, continuando cos encontros en Culleredo, que deixa un ronsel de participación, colaboración e amizade imborrable no tempo.
Exposicións individuais:
Ayuntamiento de San Javier (San Javier, Murcia); Galería de Arte Núñez de la Rosa (Murcia); Sede Social do Campo de Golf (La Manga); Caja de Ahorros del Sureste (Cartagena); Galería de Arte MICA (Murcia); Galería La Decoradora (Alicante); Galería de Arte Pratt (Valencia); Galería de Arte Morant (Gandía); Aula de Cultura LUME (A Coruña); Galería de Exposiciones BUCHHOLZ (Madrid); Euskal Etxea (Madrid); Fundación EBIOTEC (Madrid); El Botánico (Madrid); Agustinache (Madrid); Sala Esteve Botey (Madrid)
Últimas exposicións colectivas:
Salón de Invierno, Centro Cultural Moncloa; Colectiva Pintores, El Corte Inglés; Certame de Acuarela “Caja Madrid”; Certame de Acuarelistas El Tormo; Temas de Madrid, Centro Cultural “Casa del Reloj”; Fundación EBIOTEC; Exposicións Nacionais de Acuarela de Aranjuez, Santiago, Segovia e Palma de Mallorca; “Trienal Internacional de la Acuarela” (2003, 2006), Museo Bolivariano de Arte Contemporáneo, Santa Marta, Colombia; “Bienal Internacional de Acuarela”, Museo Nacional de la Acuarela, México D.F., Méjico; “I Bienal Iberoamericana de la Acuarela”, Museo Casa de la Moneda, Madrid.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER