Os pequenos que participan nos campamentos promovidos polo Concello de Culleredo degustaron onte uns bocadillos moi especiais. O seu contido proviña enteiramente do mar e súa elaboración e elección dos ingredientes correspondeulle aos propios nenos.
Trátase da campaña “Ponlle as pilas ao teu bocata”, organizada pola Consellería do Mar e á que o goberno local que preside Julio Sacristán decidiu adherirse ao fomentar os hábitos saudables na alimentación e ao considerar que era unha experiencia enriquecedora para os nenos, ao adentrarse no coñecemento dos peixes, moluscos, crustáceos e mariscos máis habituais nos nosos mares, e descubrir a elaboración de conservas.
Así, todos os nenos e nenas matriculados nos campamentos que teñen lugar nos colexios Sofía Casanova, en Vilaboa, e Isaac Díaz Pardo, no Burgo, puideron gozar dunha actividade lúdica e didáctica relacionada co coñecemento dos peixes e mariscos das nosas costas, enmarcada neste programa.
Os nenos participaron nunha charla, nun xogo colectivo, na elaboración de receitas coas conservas xa preparadas e na degustación de bocatas elaborados no momento. Resultou unha actividade moi agradable tanto para os máis pequenos como para os máis grandes.
Esta experiencia coincide cos valores e obxectivos a acadar no campamento propostos pola Concellería de Educación que dirixe Carmen Varela: hábitos saudables, alimentación san, participación e respecto polo medio ambiente.