O proxecto de mellora de vías no municipio de Culleredo, entre as que se atopan as do monte Alfeirán, reúnen a un inxente número de empresas aspirantes á contratación. O Concello recibiu a proposta dun total de 31 empresas para levar a cabo unha actuación financiada pola Deputación da Coruña e polas propias arcas municipais.
O Concello de Culleredo convocou á mesa de contratación para o vindeiro venres, día 9, con obxecto de adxudicar os traballos para que poidan acometerse de inmediato. O goberno local calcula que as obras deberían comezar en menos dun mes.
O proxecto consiste na mellora do firme de diferentes estradas, situadas en distintas partes do municipio. A principal intervención centrarase no monte Alfeirán, cunha contía de 120.189,41 euros. Con esta actuación, o Concello completará o arranxo da rede viaria da contorna do Monte Alfeirán. En concreto actuarase nas rúas:
- Castelao
- Álvaro Cunqueiro
- Pardo Bazán
- Eduardo Pondal
- Rosalía de Castro
- Benito Vicedo
- Xosé Neira Vilas
Estas obras no monte Alfeirán únense ao pintado da subida xa acometido polo Concello. Con esta actuación pretendíase proporcionar maior seguridade viaria aos condutores e peóns, evitando a invasión do carril de circulación contrario.
O plan de actuacións incorpora tamén a pavimentación da rúa Amparo López Jean; o viario de Pena Loureira-Castro e diversos traballos de acondicionamento en Cornedo, na parroquia de Sésamo.
Con este programa de mellora do firme da rede viaria, o Concello dá continuidade á planificación de actuacións incluídas no mesmo programa (POS) con cargo a 2010 que contemplaron tamén proxectos de mellora de numerosas rúas e vías municipais nas parroquias de Rutis, Sueiro, Sésamo, Celas, Culleredo, Veiga, e Peiro.
De feito, a aposta do equipo de goberno de Culleredo pola mellora dos servizos básicos dos veciños quedou constatada durante o pasado ano 2010. Ao longo deses 365 días, o Concello procedeu á renovación do pavimento de ao redor de 80 quilómetros das estradas que conforman a rede viaria do municipio.
As actuacións sucedéronse tanto nos núcleos urbanos como nas parroquias de corte rural. O Concello tratou de seleccionar as calzadas con maior necesidade de intervención a causa da deterioración que normalmente se produce a causa do paso do tempo e das inclemencias meteorolóxicas. Así mesmo, o goberno local realizou as xestións oportunas para que as administracións competentes asumisen os labores nas vías da súa propiedade, como foi o caso da Deputación da Coruña na avenida de Rutis.