O auditorio do Conservatorio Municipal de Música do Burgo colgou o cartel de non hai butacas para o espectáculo ofrecido pola compañía de teatro e danza O Ruiseñor durante o pasado fin de semana. Tratábase da representación da obra "Moito ruído e poucas noces", que contou con pases na tarde do sábado 10 e do domingo 11, alcanzando un sobresaliente éxito de público.
O Concello de Culleredo quere felicitar o excelente traballo que desenvolve a asociación cultural entre os mozos do municipio. De feito, O Ruiseñor componse dun centenar de membros de entre 9 e 20 anos de idade, o que a converte nun referente do teatro xuvenil na comarca.
"Moito ruído e poucas noces" é unha adaptación da obra de William Shakespeare realizada por Susana Crespo, responsable da compañía. Da adaptación, ademais das actuacións dos nenos e novos, resalta o deseño do vestiario da época, especialmente o das mulleres, o que necesitou da colaboración de moitas persoas para os labores de cosido.
O goberno local cullerdense destaca os valores que inculca a asociación aos mozos, que non se limita ao seu traballo como compañía de teatro, senón que promove unha forma de lecer cultural que propicia a integración, o respecto e a colaboración.