A Escola de Nais e Pais de Culleredo cumpre 23 anos de actividade con intención de continuar apoiando aos proxenitores na acción educativa. O Concello de Culleredo acaba de abrir a inscrición para unha nova edición da iniciativa, que se desenvolverá desde este mes de novembro até xuño do próximo ano.
O obxectivo consiste en abordar os temas de interese para os pais e nais a través de grupos que permitan o intercambio de experiencias. Os asistentes poderán resolver as súas dúbidas, pór en común as súas formulacións e adestrar as ferramentas educativas que se propoñan para contribuír a resolver os problemas e axudar á educación dos nenos.
Dado o interese suscitado na Escola, a Concellaría de Educación, que dirixe Carmen Varela, propón a creación de 6 grupos en diferentes lugares e horarios, para facilitar a asistencia de todos os proxenitores que así o consideren.
As sesións terán unha frecuencia quincenal. Para inscribirse na actividade é necesario dirixirse ao departamento municipal de Educación, sito no Pazo de Vila Melania (Vilaboa), ou chamando ao 981 661 208. ou por correo electrónico a educación@culleredo.org.