O Concello de Culleredo decidiu modificar o orzamento municipal de 2011 para aumentar a partida destinada ás axudas para situacións de emerxencia social. Este fondo ascendía inicialmente a 76.797 euros, pero ao verse practicamente esgotado, o goberno local optou por incrementalo para chegar aos 103.647 euros e poder seguir atendendo a elevada demanda detectada.
O Concello acada esta suba de case 27.000 euros mediante un axuste das partidas encadradas na área de Benestar Social, que dirixe a primeira tenente de alcalde, Raquel Jabares. A concelleira nacionalista explica que o Concello é “sensible” ante a situación de primeira necesidade de moitos veciños e aposta por “o máximo aforro” que permita axudar nestes casos.
En total, 99 veciños solicitaron ao goberno local a tramitación das axudas desde que se aprobara o regulamento para a concesión de prestacións, que empezou a funcionar o pasado 5 de maio. O departamento técnico de Servizos Sociais resolveu até o de agora 62 desas 99 solicitudes, sendo 51 as concedidas.
Principalmente, as solicitudes recibidas por veciños en esta situación se dirixen a obter prestacións para o alugueiro de vivenda. Tamén existen peticións para axudas á compra de medicinas, obtención de bonos de alimentación, produtos de limpeza, e ao pago dos recibos de servizos básicos coma a auga e electricidade.
As 37 solicitudes restantes, que son as recibidas con data máis posterior, atópanse en fase de tramitación. Nalgúns casos o proceso alóngase dado que é necesario que os solicitantes aporten correctamente a documentación requirida.
Jabares, aínda que lamenta ter que afrontar este tipo de situacións sociais, considera que a confección e posta en marcha da norma reguladora deste proceso foi un “acerto”, dado que “garante o reparto dos fondos municipais dunha forma xusta entre aqueles que máis o necesitan”. “Con esta regulación temos un control escrupuloso que evita calquera tipo de picaresca moi indesexable sobre todo cando falamos de axudas de emerxencia social”, afirma.
No regulamento especifícanse as distintas axudas que contempla o Concello, os criterios para a súa concesión e a tramitación que deben seguir todos os veciños interesados. En concreto, Culleredo proporciona apoio económico para a compra de alimentación de primeira necesidade, servicios de canguraxe, medicamentos, bonos de transporte, e gastos derivados das vivendas como aluguer, hipotecas ou gasto corrente. Tamén dáse cobertura a necesidades excepcionais como aloxamento temporal en establecementos privados por causas de forza maior, gastos de seguro o gastos funerarios, entre outros.
Asemade, Jabares salienta que a normativa impón cambios que redundarán no bo funcionamento destas prestacións. Ata o de agora, os beneficiarios recibían vales para alimentación que debían canxear nun supermercado asociado. O regulamento ordena que cada beneficiario recibirá un lote de produtos de primeira necesidade na súa casa, o que supera o estigma social que se causaba ao ensinar públicamente os vales á hora de efectuar a compra nos supermercados, á vez que evita un malgasto dos mesmos en produtos menos necesarios.
A concelleira nacionalista asegura que con esta ordenación acádase unha “homoxenización dos criterios dos técnicos” para conceder as prestacións. “Estamos optimizando os nosos recursos para empregalos nas áreas de maior necesidade”, sinala.
Jabares considera que esta decisión de mellorar as prestacións sociais aos veciños contrasta “por desgraza” coa “pobre aposta” da Xunta de Galicia. O goberno autonómico reduciu un 3,78% o gasto social con respecto a 2010, mentres que o Concello de Culleredo o sube ano tras ano e de feito supón o 8,05% do orzamento municipal.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER