Os veciños de Fonteculler disporán de inmediato dun centro municipal destinado á realización de actividades e á atención do departamento de Servizos Sociais. Tratábase dunha clara necesidade para un dos núcleos urbanos máis poboados do municipio de Culleredo, polo que o goberno local tomou a decisión de preparar un espazo adecuado para as demandas dos residentes.
Situarase na praza Daniel Rodríguez Castelao, en pleno centro de Fonteculler. O baixo ten unha superficie de 154 metros cadrados con portas independentes para a zona máis diáfana e para unha pequena oficina.
O Concello de Culleredo acaba de formalizar o contrato de aluguer do local, que terá unha duración de 6 anos, máis dous prorrogables. O estado do local é bo, aínda que require de labores de acondicionamento, como o pulido do chan, e pintado para poñelo en marcha, ademais de dotalo do mobiliario necesario.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, e a primeira tenente de alcalde, Raquel Jabares, visitaron , xunto con técnicos municipais, o local para coñecer de primeira man os traballos a realizar. O goberno local tratará de instalar no exterior, baixo a protección dos soportais, varios bancos e papeleiras para configurar unha zona de descanso nas portas do local.
A idea do Concello consiste en abrir a dependencia a finais do presente ano. "Somos conscientes do necesario dun centro destas características para Fonteculler polo que decidimos non esperar máis a tomar esta medida", afirma o alcalde, que considera que cubrirá "un amplo abanico de opcións" para os veciños da contorna.
Unha vez que o centro estea operativo, o Concello acometerá unha redistribución das actividades dos departamentos para dar un servizo "máis próximo" aos veciños de Fonteculler. As medidas do baixo permitirán acoller tanto modalidades como talleres a alternativas que requiran máis espazo como ximnasia ou bailes.
Ademais, o centro reservará un espazo para a atención de Servizos Sociais aos veciños de Fonteculler. Desta forma o Concello quere propiciar o uso duns servizos básicos achegándoos aos usuarios, tal e como efectuou ao abrir unha delegación da concellaría que dirixe Raquel Jabares en Vilaboa.