O mundo da cooperación e voluntariado cullerdense celebrou o seu día grande. O Concello preparou unha gala para recoñecer o traballo dos voluntarios, á vez que para animar á cidadanía a colaborar cada vez máis coas causas que máis o necesitan hoxe en día.
O Concerto Solidario, que levou por lema “En clave de solidariedade”, tivo lugar o venres 30 de marzo no Conservatorio Municipal de Música, sito no Burgo. Ademais de alumnos do Conservatorio, participaron as diferentes ONGs sitas no concello de Culleredo: Mundo Cooperante, Mestura, Mosaico e Cáritas, xunta coa Oficina Municipal de Voluntariado.
O concerto tivo unha duración de hora e media. Durante este tempo interpretáronse varias pezas musicais por parte do alumnado do Conservatorio, ao tempo que se visionaron varias presentacións dixitais sobre o que está a facer cada ONG e tamén a Oficina Municipal de Voluntariado.
Entre peza e peza unha persoa representante de cada ONG falou da súa labor. O Concerto, que contou coa asistencia de decenas de persoas no público, rematou cunha canción solidaria cantada polo alumnado do Conservatorio.
A concelleira de Xuventude, Marta Iglesias, explica que con esta iniciativa o Concello quere dar a coñecer o importante papel que teñen as entidades sociais en Culleredo. “Hoxe máis que nunca debemos inculcar valores de solidariedade que propicien a participación comunitaria e o voluntariado”, afirma.