Conmemoración do 81º aniversario da II República española

 

CONMEMORACIÓN DO 81º ANIVERSARIO DA IIª REPÚBLICA ESPAÑOLA


O 14 de abril cúmprense 81 anos da proclamación da Segunda República en España, como consecuencia dos resultados das eleccions municipais celebradas o 12 de abril de 1931.

Na Constitución da II República, aprobada o 9 de decembro de 1931, recoñecíase a igualdade das persoas ante a Lei, o principio de laicidade, a elección e mobilidade de todos os cargos públicos, incluído o Xefe do Estado, a instauración dunha única Cámara, a dos Deputados, que exercería o poder lexislativo, eliminación a segunda Cámara, o Senado (aristocrática ou de estamentos privilexiados), ampla declaración de dereitos e liberdades, -como o voto dende os 23 anos con sufraxio universal, tamén feminino-, separación da Igrexa e o Estado, recoñecemento do matrimonio civil e o divorcio… Recoñecíase tamén a posibilidade de conceder a autonomía ás rexións que o solicitasen. No caso galego, o Estatuto de Autonomía foi plebiscitado o 28 de xuño de 1936.

O desenvolvemento lexislativo constitucional trouxo a reforma e depuración do Exército, o desenvolvemento dun amplo programa de construción de escolas e contratación de mestres, potenciación do ensino mixto, bibliotecas ambulantes, misión pedagóxicas… Promulgáronse leis sobre a xornada máxima de traballo, de contratación laboral, de xurados mixtos, de accidentes na agricultura, de regulación do dereito á folga, a Lei de Reforma Agraria…

Todo este esforzo de modernización do país, contra o que conspiraron dende o primeiro momento as forzas reaccionarias, viuse truncado brutalmente coa sublevación militar fascista do 18 de xullo de 1936, que traería como consecuencia tres anos de guerra civil. En Galicia, milleiros de persoas foron procesadas en consellos de guerra (unhas 35 de Culleredo) e máis de 5.000 persoas asesinadas (600 nos dez concellos da nosa comarca: preto de 25, naturais do noso municipio).

Sete décadas despois da Guerra Civil, aínda permanecen soterradas nas cunetas moitas das vítimas, e os esforzos que familias e diversas entidades realizan para acabar con esta vergoñenta situación vense obstaculizados en moitas ocasións. Por iso a Concellería de Cultura do Concello de Culleredo quere aproveitar esta efeméride para amosar o seu apoio ao labor desinteresado realizado por todas estas asociacións, adheríndose aos actos organizados por estas, na nosa comarca, con motivo do 14 de abril.

Na II República, destacan en Culleredo a figura de Manuel Lastres Abente, o primeiro alcalde, médico de profesión, que será co tempo militante do Partido Galeguista, ou Electo Carballo Matos, membro da ORGA e alcalde.

Moi importante é tamén a figura da mestra Rita Amparo López Jean, natural de Vilaboa, presidenta da Agrupación Republicana Femenina da Coruña, a primeira muller afiliada ao Partido Galeguista, de cuxa Comisión Executiva formou parte en Barcelona, durante a Guerra Civil, amiga de Castelao (padriño de voda da súa filla Amparo) e que faleceu no exilio en Montauban (Francia).

Moi vencellado a Culleredo, xa que posuía casa e finca na Corveira, onde pasaba longas tempadas, estaba Ramón Maseda Reinante, oficial retirado de Oficinas Militares, presidente da Agrupación Socialista da Coruña e membro do Comité de Defensa da República, fusilado.

En Vilaboa, nunha casa da que era propietario o deputado de Izquierda Republicana Victorino Veiga, estivo agochada a bibliotecaria Juana Capdevielle, esposa do governador civil da Coruña, Francisco Pérez Carballo. Desta casa foi sacada pola Garda Civil, aparecendo paseada e mutilada en Rábade.


Procesados en Consellos de Guerra relacionados con Culleredo:


Antonio Ramallo Gómez, Arturo Bergantiños Pose, Daniel Viqueiras Suárez, Eladio Freire García, Emilio Prego García, Faustino Canosa García, Federico Rodríguez Ponte, Francisco Casal López, Gerardo Vicente Mesa, Jesús Candamio García, Jesús Varela Manteiga, Joaquín Rey Blanco, José Díaz Seijas, José Ferreiro Sexto, José Muíños, José Pol Loriga, José Rodríguez López, Juan Seoane Trillo, Luciano Riobo, Luis Martinez Patiño, Manuel Baldomir Vázquez, Manuel Bergantiños Pose, Manuel Gundín Vázquez, Manuel Manteira Regueira, Manuel Morano Pose, Manuel Nicolás Sánchez Sánchez, Manuel Ramiro Lorenzo, Manuel Sánchez Pardo, Pastor Dopazo Varela, Perfecto Iglesias Liñares, Ramiro Pérez Méndez, Ramón Maseda Reinante, Salvador Lorenzo Galán, Vicente Otero Canosa.

 
Asasinados aparecidos en Culleredo ou que eran naturais ou vecinos de Culleredo, entre 1936-1939 (relación provisional)
:

Antonio Ramallo Gómez, Antonio Vidal Roel, Benito Domínguez Pan, Emilio Prego García, Fernando Martínez Baldomir, Fernando Pombo Segade, Francisco Gómez Blanco, Jesús Naya Regueira, José Manuel iglesias Bartomé, José Manuel Moledo Rodríguez, José Muíños Fernández, José Novo Paz, José Rodríguez Serantes, Juan Díaz Loureda, Juan Otero Canosa, Juan Otero López, Luis Carro Aradas, Manuel Abelenda Catoira, Manuel Baldomir Vázquez, Manuel Bergantiños Pose, Manuel Bestilleiro Galán, Manuel iglesias Díaz, Manuel Iglesias Rodríguez, Manuel Ramiro Lorenzo, Ramón Fernández Naya, Ramón Ponte Rivas.


Mortos despois de 1939:

Manuel Ramiro Souto, Manuel Pose Naya, Andrés Varela Rumbo.

 

estatua

 

Sede electrónica

Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...

 

Canle Culleredo

Emisións en directo e material audiovisual.

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Séguenos en Twitter

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina