O Concello de Culleredo apostou neste curso por promocionar con forza as bibliotecas municipais. A concelleira de Cultura, Alicia Ferreiro, que asumiu o departamento tras as últimas eleccións locais, impulsou especialmente estes espazos entre os máis pequenos de Culleredo coa chegada da Dragona Ramona, unha mascota encargada de animar ao hábito da lectura.
Os resultados desta estratexia non se deixaron esperar. A afluencia dos cullerdenses ás bibliotecas revitalizouse, sobre todo na biblioteca Miguel González Garcés do Burgo. A cifra de socios crece de forma continua, chegando na actualidade a uns 7.600 veciños.
Este interese dos cidadáns polas bibliotecas constatouse nas enquisas sobre o funcionamento do servizo que o Concello distribuíu entre os usuarios. Analizados os resultados, os veciños demandan unha ampliación do horario de apertura das bibliotecas para poder utilizalas ao máximo.
A resposta do Concello será afirmativa. Desde o próximo mes de maio, a biblioteca do Burgo ampliará en 10 horas semanais o seu tempo de funcionamento. Por tanto, permanecerá aberta no seguinte horario: de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas pola mañá, e de 16.30 a 20.30 horas pola tarde.
Con esta medida, a edila espera "dar unha resposta satisfactoria" á necesidade exposta polos usuarios, dentro das posibilidades do Concello. "Cremos que é unha noticia excelente este interese polas bibliotecas, e desde ou Concello contribuiremos ao máximo a que se manteña", asegura.
Entre as causas que motivaron esta actividade continua nas salas de lectura, a concelleira apunta ás dinámicas de contacontos, talleres ou sesións de lectura programados para os máis pequenos, sobre todo da man da Dragona Ramona, que xa visitou os colexios do municipio para darse a coñecer.
A concellaría non se esquece dos adultos. O club de lectura e os faladoiros literarios son programas con asiduidade na biblioteca de Vilaboa.
Mes de abril dedicado a Dickens
Aproveitando a celebración do Día do Libro, o Concello deseñou unha programación variada de actividades para pequenos e maiores. As bibliotecas apostaron por conmemorar os 200 anos do nacemento de Charles Dickens, ofrecendo programas para dar a coñecer a súa vida e a súa obra.
No que queda de mes, a programación das bibliotecas é a seguinte:
Día 20 Contos en inglés .The Enormous Turnip.
Entrada libre. A partir de 5 anos. 18:30 horas.
Día 23 Gran xogo sobre o día do libro.
Previa inscrición. A partir de 6 anos. 18:30 horas.
Día 23 FALADOIRO DE ARTE (adultos)
Entrada libre. 19:30 horas.
Día 24 CLUB LECTURA (adultos)
Entrada libre. 11:00 horas.
Día 25 Taller exprés de comiz, a cargo de Gochi.
Previa inscrición. A partir de 10 anos. 18:30 horas.
Día 26 Globoflexia, a cargo de Leo Leiño
Previa inscrición. A partir de 6 anos. 18:30 horas.
Día 26 CLUB LECTURA (adultos)
Entrada libre. 17:00 horas.
Día 27 A dragona Ramona .Conto de Nadal.
Entrada libre. A partir de 3 anos. 18:30 horas.
As actividades infantís teñen lugar no Burgo e as de adultos en Vilaboa.