O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, foi o encargado de presentar o II Descenso do Xalo, proba deportiva de descenso de Mountain Bike que se celebrará este fin de semana no municipio. A competición está organizada polo club cullerdense School Riders Team e pola asociación Castelo Deporte.
O acto de presentación tivo lugar no Coruña The Style Outlets, sito en Alvedro, polo que contou coa presenza do seu xerente, Javier Torralba, así como do concelleiro de Deportes de Culleredo, Bernardo Peiteado.
O II Descenso ao Xalo celebrarase o domingo, concluíndo a proba en Celas de Peiro. O sábado terán lugar os adestramentos ao longo do percorrido que baixa do monte Xalo. Espérase a participación de máis de 200 deportistas.
"É espectacular, tanto a proba como o lugar que a vai a acoller", afirmou Sacristán. O alcalde, que revelou que descoñecía esta modalidade deportiva ata que o ano pasado celebrouse a primeira edición, animou aos veciños de Culleredo e da comarca a achegarse até a proba para gozar das manobras dos participantes.
Ademais, o rexedor encomiou o exemplo de colaboración entre dúas entidades de Culleredo para levar adiante un gran espectáculo.
O presidente de Castelo Deporte, Álvaro Pérez, sinalou que o evento do ano pasado funcionou, co que teñen en mente "mantelo durante moitos anos". "Queremos aproveitar o Xalo como gran recurso natural que é para actividades deportivas", avanzou.
Pola súa banda, Javier Torralba cualificou de "honra" a colaboración do Coruña The Style Outlets nunha proba que concorda coa súa filosofía de valores deportivos e ambientais. Concluíu desexando sorte aos participantes.