O IV Encontro de Coches Clásicos, Históricos e Deportivos abarrotou O Burgo o pasado fin de semana. Centos de persoas achegáronse o sábado e o domingo ao recinto multiusos do paseo marítimo para gozar da cita organizada polo Concello de Culleredo, coa colaboración do Automóbil Club de Culleredo.
Os visitantes puideron contemplar exposicións nas que se mostraron a evolución dos modelos, a frota de diversos clubs de automóbiles ou curiosas maquetas. Pero sen dúbida, o que atraeu máis a atención do público foron os preto de 100 modelos de coches que se puideron observar.
Houbo coches históricos, como un Citroën 11 de máis de 70 anos de antigüidade, o maior do encontro. De especial interese foi a reunión de Alfa Romeo, cuns 20 modelos especiais, algúns con máis de 50 anos. E non faltaron os coches superdeportivos, co rechamante Ferrari.
Cada media hora tiveron lugar exhibicións de vehículos no circuíto, que constituíron os momentos con máis afluencia de público. Os espectadores aplaudiron os trompos e demais peripecias dos habilidosos condutores.
Este ano o encontro decidiu incluír unha compoñente solidaria. Ás 18.00 horas do sábado tivo lugar a presentación da asociación Agaela, Asociación Galega contra a Esclerose Lateral Amiotrófica. O obxectivo era dar a coñecer esta enfermidade. Este acto contou coa actuación musical de Gandy.
O concelleiro de Servizos de Dinamización Local, Isidro Taibo, mostra a súa satisfacción por que o éxito alcanzado nas tres primeiras edicións perpetuouse como demostra o resultado deste cuarto.