O obxectivo consiste en proporcionar todos os elementos que necesita un escolar nas familias do municipio que se atopan en situación de emerxencia social. O Concello calcula que son máis de 100 familias as que por desgraza viven nestas condicións, o que pode supor que existan até 300 ou 400 pequenos que necesitan desta colaboración.
O que ten claro a primeira tenente de alcalde é que o Concello non vai actuar seguindo criterios de beneficencia, senón de igualdade. Por iso, o material que se busca debe ser novo, ou se non, estar en perfectas condicións de uso. "O Concello eliminou hai tempo ese estigma de por exemplo ter que ir pedir comida para quen a necesita. Agora a recibe na casa como calquera que a compra non supermercado e pide reparto, e co material escolar imos evitar tamén os estigmas", apunta Jabares.
O Concello instalou arcones para a recollida do material en todos os colexios, institutos e escolas infantís públicas do municipio. Así mesmo, estableceuse unha colaboración coas seguintes librarías, onde tamén o recollen: Carlín Culleredo Ofimarket, Copyburgo, Libraría C&C, Libraría KE, Libraría Helena, Libraría Ribados e Libraría Besa.
Ao participar as librarías, o goberno local aposta polo consumo responsable como vía para contribuír á campaña. "O ideal sería que no canto de comprar unha caderno de 4 euros que ten unha imaxe de moda determinada, se merquen dúas de 1 euro e se achegue unha para os pequenos que o necesitan?, explica Sampedro.
Na campaña aceptarase todo tipo de material escolar que se poida requirir no colexio, excepto libros de texto. Tamén se poderán achegar uniformes escolares, mochilas, chándales ou calzado deportivo, a condición de que se atopen en bo estado.
O persoal municipal de Servizos Sociais e de Consumo, así como voluntarios, serán os encargados de recompilar e clasificar o material recibido. A repartición realizarase directamente desde Servizos Sociais, onde se dispón dun seguimento das familias con estas necesidades e onde acudirán aquelas que demanden axuda cando se achegue o inicio do curso escolar.
Jabares sinalou que o número de familias en situación de emerxencia social ascendeu en 2011 a 75. No que levamos de 2012, o Concello recibiu 66 solicitudes, polo que estima que se superará, desgraciadamente, a cifra do ano anterior e poida roldar o centenar. Estas situacións levaron ao goberno local a incrementar en 30.000 euros a partida destinada a emerxencia social no pasado pleno.
Con estes fondos páganse alugueres de vivendas, hipotecas, subministracións de auga e electricidade, bonos de alimentación ou bonos de hixiene. Estas son as primeiras necesidades, habitualmente. Coa campaña, Jabares espera recibir unha contribución masiva da cidadanía cullerdense para garantir que poidan escolarizarse todos os nenos do municipio.
Vista previa | Adxunto | Tamaño |
---|---|---|
Cartaz_campana_de_recollida_material_escolar12.pdf | 1.09 MB |
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER