O Concello de Culleredo proponse a eliminación das fochancas da rede viaria municipal. Co paso do tempo, algúns puntos dos firmes dos camiños e estradas propiedade do Concello fóronse deteriorando, polo que o goberno local decidiu encargar unha campaña de rebacheo que se estenderá a todas as parroquias do termo municipal.
Os traballos comezarán este mes de agosto e prolongaranse no que queda de 2012, tempo necesario para arranxar todos aqueles puntos que o demandan. Os emprazamentos onde se mellorará a ampla rede viaria municipal responden a peticións trasladadas polos veciños e a puntos localizados polos servizos municipais.
Para acometer esta campaña contra as fochancas, o Concello destinará 49.000 euros das arcas municipais. O goberno local sinala como "prioritario" a conservación en bo estado das calzadas locais para garantir a seguridade viaria tanto para usuarios de vehículos como para os peóns.
Campaña de rozas
Este plan de rebacheo únese ao plan de acondicionamento e limpeza da rede viaria municipal, emprendido coa chegada do verán. Serán 278 camiños os incluídos nestas actuacións, conducentes a evitar que se xeren incendios, especialmente na época estival.
O goberno local que preside Julio Sacristán explica que se rozarán 163,81 quilómetros de vías municipais, nas súas dúas marxes. O plan abarcará as diferentes parroquias, aínda que Celas, con 29,58 km; Veiga, con 25,59 km; e Rutis, con 25,03 km son as que albergarán un maior número de intervencións. Serán 65,52 hectáreas as acollidas no plan de limpeza.
O Concello apostou por este plan dado que se trata da época do ano onde existe maior necesidade polo crecemento da vexetación e dado que se contribúe de forma decisiva á prevención de incendios forestais.
O investimento municipal rolda os 40.000 euros, co que suma de ambos os plans destinados á rede viaria alcanza os 89.000 euros.