O goberno local presentará na próxima sesión plenaria as actuacións que incluirá no Plan DPC 94 aprobado recentemente polo organismo provincial a través do cal o Concello recibirá 353.661,87 euros para a execución de proxectos e, no caso de Culleredo, para gasto corrente. A maior parte desta cantidade será destinada, segundo a proposta exposta polo alcalde, Julio Sacristán, á execución de diversas obras de mellora de viarias e rúas, e á instalación de xogos infantís.
O primeiro edil indicou que o plan se destinará a executar mellora de viarias en distintas zonas do municipio como o que vai desde A Hermida a Vasco da Ponte; o de O Cubo ou Gumersindo Pereira Noite. Neste mesmo plan incluirase tamén acondicionamentos nas rúas Hersa e Carricarte, así como a reparación de beirarrúas na contorna do Concello, que recibirá o maior investimento do plan, uns 40.000 euros.
Outro dos proxectos incluídos na relación do plan é o de construción de beirarrúas e asfalto na rúa Templarios, con 35.205 euros; así como a reparación da rúa Marteiral; a reparación de beirarrúas na rúa Xá Fontes e unha pavimentación en Orro. O alcalde adiantou que na proposta incluiranse tamén a instalación de xogos infantís na praza de Fonteculler, a reparación de varandas e accesos peonís na Corveira e tamén diversas actuacións na contorna das vivendas da Cros.
Colexios
Por outra banda, o Concello proxecta diversas obras de mellora dos colexios para o inicio do próximo curso escolar a través dun plan de mantemento que inclúe "pequenas actuacións na maior parte dos centros escolares".
Na relación de obras figura o colexio Ría do Burgo, cunha adecuación de iluminación interior; o colexio Isaac Díaz Pardo co arranxo de persianas, actuacións de iluminación interior, reparación de luces de emerxencia, arranxo de fechaduras e portas; o colexio de Tarrío, coa limpeza de rexistros para as augas pluviais e arranxo de xogos deteriorados; e as escolas unitarias de Vinseira e Ledoño e Choeira. En todas elas executaranse traballos de mantemento concretos, segundo as necesidades, e en xeral, renovaranse e limparán os areneros de xogo. En total, o investimento previsto polo Concello e que se realizará por parte dos servizos municipais, é duns 50.000 euros.