Culleredo convértese este fin de semana no centro da competición deportiva entre os corpos e forzas de seguridade de España e Portugal. O venres 7 e o sábado 8 de setembro desenvolverase nos polideportivos municipais o Campionato Ibérico de Fútbol sala para Forzas e Corpos de Seguridade, que alcanza este ano a súa IV edición.
En total, participarán 16 equipos de ambos os países, o que suporá un total de 250 persoas entre deportistas e acompañantes. Entre os corpos que competirán procedentes de España atópanse as Policías Locais da Coruña, Arteixo ou Culleredo, o Corpo Nacional de Policía da Coruña ou Pontevedra, a Autoridade Portuaria de Ferrol e agrupacións de Madrid ou Zamora.
Por primeira vez únense á cita as Forzas Armadas, cun equipo do cuartel coruñés de Atocha. Do país luso tomarán parte cinco equipos, como a Garda Nacional de Porto ou a Policia de Segurança Publica de Vilanova de Gaia e de Vila do Conde.
O Concello de Culleredo acolleu a presentación oficial da cita. O concelleiro de Deportes, Bernardo Peiteado, presidiu o acto, acompañado de José Manuel Juncal García e Santiago Rey Asorey, membros do sindicato CEP Galicia e organizadores do evento.
Peiteado agradeceu á organización a elección de Culleredo para ser a sede do campionato. O concelleiro resaltou o éxito de participación do torneo, como xa ocorreu os pasados anos, e mostrouse seguro de que as instalacións municipais cumpren as premisas para consolidar esta cita.
Rey explicou que este campionato logrou un "forte arraigamento" no país luso, o que garante a súa repetición anual, alcanzando xa esta cuarta edición. Mentres que outros torneos teñen dificultades para saír adiante, este mantense, "o que ten moito mérito", apuntou.
En canto aos premios, o primeiro clasificado levará 1.000 euros, polos 500 e 300 euros do segundo e terceiro, respectivamente. "É dos torneos con maior achega económica en premios, resistimos á crise", revelou Rei, que precisou que os mellores tamén levarán o correspondente trofeo.
Os partidos celebraranse nos polideportivos de Almeiras e O Burgo. O venres 7 terá lugar a fase previa e o sábado 8, a segunda fase e a fase final. A gran final desenvolverase a partir das 20.30 horas no Burgo.