O Concello de Culleredo e as asociacións de veciños do Burgo decidiron unir forzas para mellorar o espazo natural do río Trabe e aminorar os danos provocados por actitudes incívicas. A Oficina Municipal de Voluntariado (OMVOL) organizou na mañá de hoxe a primeira limpeza do río Trabe, en concreto no tramo que discorre por Acea de Ama, entre a ponte dos Muiños e a ponte da autopista.
Para levala a cabo o Concello concretou unha colaboración coa Asociación de Veciños do río Trabe, a Asociación O Noso Burgo, e Adega. Protección Civil de Culleredo tamén participou nesta acción, coordinando a retirada do lixo do interior do río.
Desde as 9.00 horas, os voluntarios desenvolveron o seu traballo atopando residuos que dificilmente puideron chegar ao río sen que alguén os tirara. Entre eles pode nomearse a un anaco dun quitamedos, dous bolardos que evitan o paso a zona peonís por parte de vehículos e un carro da compra.
Ademais de retirar todo o lixo atopado, os voluntarios e o Concello limparon o leito do río eliminando a maleza. O Concello creou un punto de recepción e información de voluntarios sinalado axeitadamente, no que se repartiu material necesario para a limpeza, coma luvas, bolsas plásticas, ou chalecos identificativos.
Entre os voluntarios puido verse ao alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, presente desde primeira hora da mañá. O rexedor, con roupa de traballo, participou activamente na acción retirando a maleza e lixo. Fixo o mesmo a concelleira de Xuventude, Marta Iglesias, promotora da actuación.
Sacristán apelou á conciencia cívica para evitar este tipo de situacións. “Este é un patrimonio natural de todos e todos somos responsables do seu coidado”, apuntou.
Lembrou que o paseo do río Trabe conforma un amplo espazo de lecer para os veciños do Burgo e Acea de Ama en pleno núcleo urbano. Un carril bici, mobiliario e natureza son as características deste camiño, utilizado a diario por ducias de veciños e moitos deportistas.
Iglesias predixo que esta acción non será a última para limpar o río Trabe. “Queda traballo por facer e desde a Oficina Municipal de Voluntariado continuaremos promovendo esta mellora así como outras accións de carácter medioambiental”, afirmou.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER