O sistema de control de acceso ás rúas peonís do Burgo (Hersa e Sanjurjo de Carricarte) adaptarase plenamente ás necesidades dos comerciantes. A concelleira de Seguridade, Alicia Ferreiro, mantivo un encontro co presidente da Asociación de Comerciantes de Culleredo para exporlle o proxecto.
O goberno local quere aclarar que, actualmente, na rúa Hersa funciona unicamente o aforador de vehículos, é dicir, un contador do número de coches que entran nas rúas peonís. Estará instalado 15 días e servirá para que o Concello e a Policía Local dispoñan de datos exactos sobre o uso das rúas por parte do tráfico rodado.
Pasados estes 15 días, este aforador retirarase e comezará a fase de estudo de resultados por parte da Policía Municipal. Froito deste estudo, o Concello contactará cos comerciantes para decidir que criterios aplicaranse para permitir o acceso ás rúas peonís. Tal e como sinalou a concelleira ao presidente da asociación de comerciantes, o Concello adaptarase plenamente aos seus desexos dado que o obxectivo da actuación é garantir o carácter peonil das vías, asegurando así a seguridade na actividade comercial e de asueto.
Este sistema que baralla implantar o Concello componse dunha cámara lectora de matrículas asociada a unha aplicación informática e base de datos. A cámara poderá ler entón a placa dun coche que entra na rúa e pescudar se dispón da autorización de acceso, ao cotejarla coa base de datos.
Os criterios que marcarán se un coche ten autorización ou non son adaptables ao cento por cento ás necesidades e demandas dos comerciantes, e por iso o Concello irá con eles da man no proxecto. É dicir, que o sistema podería tanto ser estrito e non autorizar o paso ao non residentes, como establecer unha franxa horaria no que o acceso fose libre, ou limitar unha estancia de varios minutos para o non residentes.
Todo dependerá do que manifesten os comerciantes nos contactos que se manteñan co Concello. Desta forma, se se quere garantir a entrada de coches por pouco espazo de tempo para cargar produtos adquiridos nunha tenda, o sistema admitirao.
Unha vez determinados os criterios, o Concello, tras realizar a tramitación administrativa correspondente, procedería a instalar o sistema para empezar a funcionar en fase de probas. Ese período de probas serviría para determinar a súa efectividade e efectuar os axustes necesarios. Cando os comerciantes e o Concello verifiquen o correcto funcionamento, o sistema xa podería comezar a traballar de forma oficial.
A Policía Local de Culleredo rexistrou o paso de 469 vehículos entre as 12.00 horas do pasado xoves e as 12.00 horas do pasado venres, o que vén manifestar que existe un tránsito de vehículos que non son de residentes.
Ferreiro tamén deu conta do proxecto ao presidente da asociación de veciños O Noso Burgo. O Concello entende que un paso reducido de coches por Hersa e Sanjurjo de Carricarte garantirá que as rúas estean concibidas para o uso e goce dos veciños.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER