A corporación de Culleredo celebra este xoves, 29 de agosto, a súa sesión plenaria ordinaria. A pesar de que noutras ocasións non tivo lugar o pleno de agosto por carecer de moitos asuntos de relevancia, o goberno municipal someterá a votación este xoves propostas xa anunciadas e outras novas de gran importancia para os veciños do municipio.
O principal asunto versará sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado de forma inicial o pasado mes de xaneiro. Tras rematar a fase de exposición pública e no proceso de estudo das alegacións recibidas, o equipo redactor detectou diferentes erros que considera preciso corrixir canto antes.
A principal corrección refírese ás distancias cos lindeiros das parcelas para o desenvolvemento de construcións. No documento aprobado en xaneiro fixábase esa distancia en 5 metros. Con todo, o equipo redactor constatou que se trataba dun erro, dado que no Plan Xeral vixente hoxe en día esa distancia era de 3 metros, cuestión que entende debe manterse.
O mesmo ocorre con outros parámetros, como as alturas das naves industriais ou dos equipamentos. A corrección destes erros evitará situacións de fóra de ordenación coa próxima aprobación do documento urbanístico.
Outros erros atopados refírense a ámbitos en concreto, como a fixación dun colector antigo na parcela onde se levantará o novo colexio de Educación Infantil e Primaria.
Con estas modificacións que se levan a pleno, o Concello dará resposta favorable á maior parte das alegacións recibidas no período de exposición pública, que se referían especialmente á separación cos lindes.
O procedemento será o seguinte: o pleno aprobará o xoves de forma inicial estas rectificacións. As partes do PXOM afectadas por estas correccións estarán posteriormente en exposición pública durante dous meses, na Casa do Concello. En paralelo, o Concello notificará os cambios aos afectados e ás administracións por se teñen que actualizar o seu informe.
Estas correccións son necesarias para garantir que o Plan Xeral dea resposta aos cidadáns. O proceso non vai demorar en ningún caso os prazos previstos dado que o Concello segue á espera de informes sectoriais para poder responder as alegacións.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER