O goberno de Culleredo lanza un programa de actividades sociais ampliado e co claro obxectivo de atender os ámbitos máis sensibles para os veciños de todas as idades do municipio. A oferta deseñada pola Concellaría de Benestar reúne un total de 32 propostas con diferentes grupos e horarios en centros sociais da zona urbana e tamén do rural.
O Concello estruturou o programa en 7 áreas que atenden ás principais necesidades sociais detectadas. Esas 7 áreas son: a saúde, a autonomía persoal, a vida laboral, a economía, o lecer social, a afectividade e a vida familiar.
En cada unha destas áreas inclúense as diferentes actividades, moitas delas consolidadas entre os veciños de Culleredo e outras de nova creación para satisfacer as demandas recollidas. É o caso das clases de Internet que se desenvolverán para os maiores de 65 anos, unha petición expresa trasladada polos delegados parroquiais á concelleira de Benestar, Guadalupe Pombo, na última reunión.
A concelleira de Benestar sinala que se trata dun programa completo que atende tanto a colectivos sociais como os maiores, as persoas con discapacidade ou a muller, pero con múltiples variedades para a poboación en xeral. Pombo anima aos veciños a obter toda a información do programa en Servizos Sociais para atopar a oferta que mellor se adapta ás súas necesidades.
A preinscrición nas actividades iníciase o vindeiro luns 9 e prolóngase ata o día 19. Nos casos de maior número de solicitudes que de prazas se efectuará un sorteo o 25 de setembro. A programación iníciase o 1 de outubro e finaliza o 27 de xuño 2014.
En canto ás tarifas, existen moitas actividades gratuítas e outras que se rexen polo prezo público. Neste sentido, o Concello aplica descontos ás familias numerosas, voluntarios da oficina municipal ou de Protección Civil, socios do club +65, posuidores do carné xove, persoas en situación de desemprego e persoas con certificado de discapacidade. Tamén haberá bonificacións por participar en máis dunha actividade.
O Concello sumará a esta oferta a programación de actividades culturais e deportivas, configurando así un conxunto de iniciativas moi amplo e acorde cos centros de interese e necesidades dos veciños de Culleredo.
Vista previa | Adxunto | Tamaño |
---|---|---|
actividades_sociais_2013-2014.pdf | 568.08 KB | |
Folla_preinscricion_actividades_sociais.pdf | 89.61 KB |
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER